As e os tripulantes da Flotilla da Liberdade serán liberados en breve

Case unha semana despois do asalto das tropas sionistas á III Flotilla da Liberdade, espérase que sexan liberadas as sete persoas que continúan detidas no cárcere israelita de Givon.

[Imaxe: BDS-Galiza]
photo_camera [Imaxe: BDS-Galiza]

Vai case unha semana desde que o exército de Israel asaltou o Marianne, da III Flotilla da Liberdade, en augas internacionais e secuestrou a súa tripulación para evitar a súa chegada a Gaza. E polo de agora, continúan apreixadas un total de sete persoas, a xornalista rusa Nadya Kevorkova (RT-tv), os activistas Charlie Andreason e Gustav Bergström, a escritora e xornalista Kajsa Ekis Ekman, o músico Dror Feiler, o chef Jonas Kårlin e o capitán do Marianne, Joel Opperdoes.


Segundo Ship to Gaza, o grupo de sete tripulantes e activistas, que permanecen no cárcere de Givon, será posto en liberdade no día de hoxe ou de mañá. Logo do relato da captura do que deu conta Ana Miranda, representante do BNG en Bruxelas, á súa chegada a Galiza, e tras o vídeo que amosa a “brutalidade” coa que actuaron os efectivos de Israel, a organización BDS ve con “preocupación” as circunstancias nas que se atoparían estas persoas apreixadas polas tropas sionistas. O único delito destas activistas “é teren tentado furar o bloqueo que asfixia Gaza desde hai case unha década”, lembra BDS-Galiza.

Comentarios