Periga o repregue militar do Afganistán tras romper os talibáns negociacións co Goberno

A excarceración de 5.000 presos insurxentes fai parte do acordo asinado en febreiro con representantes dos Estados Unidos.

taliban_eua
photo_camera Firma do acordo de paz entre os Estados Unidos e os talibáns en Doha, Qatar, o 29 de febreiro (Nós Diario)

Os talibán anunciaron nesta terza feira, 7 de abril, a ruptura das negociacións iniciadas co Goberno do Afganistán para a liberación de presos, requisito para o inicio dun diálogo de paz entre as dúas partes que poña fin a case dúas décadas de guerra no país asiático.

A excarceración de 5.000 presos talibáns fai parte do acordo asinado en febreiro pola insurxencia e representantes dos Estados Unidos. Con todo, nestas últimas semanas as distintas partes cruzáronse reproches que complican calquera avance cara a un posíbel intercambio.

Suhail Shaheen, portavoz da oficina talibán en Qatar, lamentou no Twitter que a liberación "se atrasou por distintos pretextos" nas últimas semanas. "Xa que logo, o noso equipo técnico non participará en reunións improdutivas", dixo, e lembrou as "promesas" asinadas.

Altos mandos

Un dos negociadores do Goberno, Matin Bek, responsábel da Dirección Independente de Administracións Locais, asegurou que as negociacións se atascaron pola reivindicación talibán de incluír no listado de posíbeis liberados 15 altos mandos implicados en "grandes ataques".

"Estamos listos para liberar a 400 presos na primeira fase. Son os talibáns os que non queren isto", lamentou Bek en conferencia de prensa, segundo a cadea de televisión Tolo News.

Os talibáns xa advertiran no domingo de que o acordo perigaba polo actual estancamento das negociacións. Unha situación que provocaría deixar tamén no aire o progresivo repregue militar de Afganistán dos EUA e dos seus aliados.

Comentarios