Pere Navarro, primeiro secretario do PSC, pide a abdicación do Rei

O primeiro secretario do PSC gaba o seu traballo "en favor da democracia", mais afirma que "necesitamos un novo xefe do Estado". O PSOE desautorizou estas declaracións nun breve comunicado.
Pere Navarro na Cámara de Comercio
photo_camera Pere Navarro na Cámara de Comercio

O líder d@s socialistas de Catalunya sorprendeu cunhas declaracións realizadas nun xantar organizado pola Cámara de Comercio de Barcelona. "Se falamos de Catalunya e España, temos que comezar a afrontar a situación con medidas novas, diferentes e atrevidas", asegurou.

Pere Navarro foi directo ao solicitar "aberta e publicamente, a necesidade de abdicación do actual Xefe do Estado" e que nesa decisión "o papel do Príncepe Felipe ten que ser relevante (...) para arbitrar os profundos cambios que require o noso país".

Pere Navarro foi consciente da "polémica que as miñas palabras podan provocar, mais estou convencido de que ningún debate ten que agacharse nestes intres".

"O PSOE non comparte en absoluto a declaración do primeiro secretario do PSC"

Desautorización do PSOE

"O PSOE non comparte en absoluto a declaración do primeiro secretario do PSC, Pere Navarro, en relación ao Rei e considera que é inadecuada", afirmou o PSOE nun breve comunicado. Navarro evitou rectificar a súa posición e dixo “respectar” a opinión de Madrid.

Reforma constitucional

Navarro tamén falou da reforma constitucional. "Urxe mudar o modelo territorial, creo que non temos alternativa". Para o socialista, "o modelo está esgotado e non o din só os independentistas".

Foto: Cámara de Comerç de Barcelona

Comentarios