Os perdóns pasados, presentes e futuros de Trump

Nas últimas horas na Casa Branca, agárdase que o presidente saínte decrete a amnistía para até 100 persoas condenadas por delitos federais, unha prerrogativa recollida na Constitución estadounidense que Trump xa usou, con controversia, en anteriores ocasións e agora podería aplicar tamén preventivamente.
EuropaPress_3449924_filed_12_september_2016_us_new_york_michael_flynn_retired_us_army (1)
photo_camera Michael Flyn, ex asesor de seguridade nacional de Trump, foi amnistiado polo presidente en novembro (Foto: Beowulf Sheehan / ZUMA Wire)

Non importa que tarde é, a recompensa será igual para todos. Ou "os últimos serán os primeiros". Así reza a parábola dos Traballadores na Viña (Mateo 20: 1-16) recollida na Biblia e que dá nome a unha centenaria tradición nos Estados Unidos: os 11th-hour pardons, "perdóns da 11ª hora", unha expresión en inglés que fai referencia ás amnistías presidenciais de "última hora". Unha prerrogativa recollida na Constitución que permite indultar ou conmutar a sentenza a persoas condenadas por delitos federais. 

A fin primixenia destes perdóns era o de garantir "misericordia" e "magnanimidade" por parte do xefe do Executivo que, na altura ─finais do século XVIII─, eran atributos que se lles supuñan aos grandes mandatarios. Tamén curar feridas de enfrontamentos partidistas, axudando á cohesión da nación acabada de nacer. Porén, co tempo, foi aproveitado en maior ou menor medida como unha purga de pecados propios. 

O até o día de mañá ─cando Joe Biden tome posesión─ presidente dos EUA, Donald Trump, exerceu esta competencia con anterioridade, mais ao contrario que os seus predecesores non esperou ao final do seu mandato para decretar os indultos máis controvertidos. 

Sen acto de contrición

Así, por exemplo, en agosto de 2017 outorgou o perdón ao coñecido como "o sheriff máis duro dos EUA", Joe Arpaio, responsábel policial do condado de Maricopa, en Arizona. Coñecido pola súa dureza cos inmigrantes ─un "gran patriota" para Trump─, fora condenado por violar a orde xudicial que ditaba a fin da detención e encarceramento das persoas chegadas ao país de forma ilegal.

A finais de novembro do ano pasado tamén indultou o seu ex asesor de seguridade nacional Michael Flynn, que se declarara culpábel de mentir ao FBI sobre as súas reunións cun embaixador ruso na investigación pola interferencia de Rusia nas eleccións de 2016. Trump anunciou o perdón no Twitter "con gran honor".

E, dentro dunha serie de indultos coincidindo coas pasadas festas do Nadal, tamén exonerou da pena de cárcere a catro dos coñecidos como "Blackwater Five", cinco militares desta compañía privada condenados polo asasinato de 17 civís iraquís nun tiroteo en Bagdad en setembro de 2007. 

Un destes mercenarios estaba a cumprir unha pena de cadea perpetua, e outros tres, de entre 12 e 15 anos. O quinto en cuestión, Jeremy Ridgeway, foi condenado a só 2,5 anos tras colaborar coa xustiza: foi o único que se declarou culpábel, recoñeceu o seu rol na matanza e pediu perdón ás familias das vítimas. E foi o único que non recibiu o perdón presidencial.

Porque a maioría dos amnistiados por Trump comparten unha característica: non expresaren arrepentimento polos crimes polos que foron condenados. Este perfil é o que se agarda das últimas persoas ás que o magnate neoiorquino indulte ou conmute a pena ─unhas 100 persoas, segundo os medios estadounidenses─ nestas súas últimas horas como presidente. 

O Washington Post informou de que o domingo se reunira cos seus asesores para elaborar unha lista. A maioría corresponderanse con delitos menores, que tradicionalmente ocupan o groso desta amnistía de última hora. Mais hai algúns nomes relevantes que se barallan: o primeiro de todos, o de Donald Trump. 

Ford, Bush, Clinton 

Existe a posibilidade de que o presidente decrete un autoperdón, algo que non ten precedentes mais que podería ser legal. Trump, que nunha entrada no Twitter en 2018 xa defendía este dereito para consigo, afronta unha extensa lista de delitos federais pola que podería ser acusado tras abandonar o cargo, entre outros o de aceptar diñeiro de potencias estranxeiras a través dos seus campos de golf.

Con todo, non é o único presidente que deu indultos controvertidos. Gerald Ford (1974-1977) outorgou unha especie de "indulxencia plenaria" ao seu antecesor, Richard Nixon, por "todas as ofensas contras os EUA". George H. W. Bush (1989-1993) amnistiou varios membros do Goberno implicados no escándalo Irán-Contra (a venda de armas ao Goberno iraniano e o financiamento das milicias anticomunistas en Nicaragua cos beneficios) e valorou a posibilidade do autoperdón preventivo por este mesmo caso en que se viu implicado. E tamén Bill Clinton (1993-2001) salvou do cárcere o irmán del, Roger, que fora condenado por posesión e tráfico de cocaína na década de 1980.

A intercesión ante Trump da 'vixilante da praia' Pamela Anderson por Julian Assange

Entre as sorpresas que deparen os últimos perdóns de Trump poderían estar o seu propio; e, ao estilo de Ford con Nixon, tamén un preventivo para toda a familia del. Ademais, durante as últimas semanas barallouse a posibilidade dun indulto ao fundador de WikiLeaks, Julian Assange. Segundo CNN, varios periodistas de recoñecido prestixio recibiron mensaxes de WikiLeaks para axudaren a persuadir a Trump.

Tamén, a actriz Pamela Anderson, coñecida polo seu papel na serie de TV Baywatch (1989-2001, Los Vigilantes de la Playa na versión española), chamouno para convencelo. Anderson (na foto tras ilo ver á prisión de Belmarsh) é amiga de Assange desde que o comezou a visitar na embaixada do Ecuador en Londres. A actriz mantén un activismo político desde hai anos, apoiando campañas de PETA ou o movemento dos "chalecos amarelos" en Francia; tamén recadando fondos tras o sismo de Haití en 2013. 

Comentarios