Pequenas concesións de Macron para frear a folga en Francia

O Goberno francés presenta publicamente a reforma das pensións, no medio das críticas dos sindicatos.
edouard_philippe
photo_camera O primeiro ministro francés, Edouard Philippe, presenta o proxecto de reforma das pensións [lecese.fr]

Após sete días de folga en París, o Goberno galo presentou oficialmente esta cuarta feira, 11 de decembro, os detalles da reforma das pensións que desatou o malestar da cidadanía e puxo en pé de guerra os sindicatos, que neste tempo paralizaron notabelmente a capital francesa e outras importantes cidades.

O primeiro ministro Edouard Philippe informou de que a se vai manter a controvertida reforma, argumentando que o sistema de pensións será igual para todas e todos. De feito, o seu discurso levaba por título Por unha xubilación máis sinxela, máis xusta, para todos

Malia se negar a retirar o texto, na súa comparecencia Philippe ofreceu algunhas concesións e garantías coa idea de acougar os ánimos nas rúas, aínda que sindicatos e partidos da oposición coincidiron en criticar o texto.

Concesións

Nomeadamente, a reforma non se aplicará "aos franceses nados antes de 1975", segundo anunciou o primeiro ministro no seu discurso, recollido polos medios locais. Na longamente agardada intervención, Philippe tamén se comprometeu a realizar unha "transición progresiva" e "non agresiva" no camiño cara a un "sistema universal" de pensións, que substituirá o actual, de 42 réximes diferentes dependendo da profesión.

O Goberno prometeu, ademais, que co novo sistema todas e todos os xubilados recibirán unha pensión mínima de mil euros, a condición de que se cumpran os anos de traballo e cotización necesarios. Este era un dos temores dos sindicatos, xa que aínda que Philippe se comprometeu a manter a idade legal mínima de xubilación en 62 anos, a reforma inducirá a traballar durante máis tempo.

De feito, a idade de referencia para recibir unha pensión plena será de 64 anos a partir de 2025, cun sistema de incentivos e penalizacións que premie a permanencia no mercado de traballo.

"Paréceme que as garantías que demos aos sectores da poboación máis preocupados xustifican que se anove o diálogo e que a folga que penaliza millóns de franceses se deteña", declarou o primeiro ministro ao respecto da reforma, unha das principais promesas electorais do presidente Emmanuel Macron.

Oposición sindical

A resposta sindical foi contundente. Laurent Berger, líder do principal sindicato do país, o  moderado Confederación Francesa Democrática do Traballo (CFDT), criticou o anuncio, malia que até o de agora mantivera un apoio crítico á reforma. 

Pola súa banda, o secretario xeral da Confederación Xeral de Traballadores (CGT, polas súas siglas en francés) pediu a retirada total do proxecto: "O Goberno rise de todo o mundo, especialmente dos que están a pelexar e da opinión pública, que se opón maioritariamente á reforma".

Comentarios