domingo 09/05/21

Pensadores europeos, polo regreso de Escocia á UE

A unha semana de que se desenvolvan en Escocia unhas eleccións decisivas para o futuro do país, co 'indyref2' sobrevoando Londres, ducias de intelectuais dos 27 Estados membros e de todas as nacións do Reino Unido manifestaron o seu apoio a que a cidadanía escocesa elixa o seu futuro. E que este pase pola súa rápida volta á UE. 
EuropaPress_2383415_21_september_2019_scotland_edinburgh_protestors_hold_euflags_as_they_take
Manifestación en contra do Brexit, o 21 de setembro de 2019, desenvolvida polas rúas da capital escocesa, Edimburgo (Foto: Andrew Milligan / PA)

A novelista italiana Elena Ferrante, o filósofo e crítico cultural esloveno Slavoj Žižek, a socióloga neerlandesa Saskia Sassen. Son tres dos perto de 200 asinantes dunha carta aberta en que se lle solicita aos líderes en Bruxelas e dos Estados membros que se facilite o regreso á UE dunha Escocia soberana. E o que é máis importante, que se manifeste "con antelación a un referendo de independencia" hipotético.

"Somos europeos de todo o continente e de arredor do mundo. Naturalmente, estamos en desacordo sobre moitas cousas. Mais todos concordamos nisto: queremos que a xente de Escocia saiba que os europeos de todas as partes a recibirían de volta na UE cos brazos abertos de ser ese o seu desexo democrático", sinalan ao inicio da misiva.

Argumentan que no referendo do Brexit de 2016 en ningún dos distritos electorais escoceses venceu a opción de abandonar a UE, e que no cómputo nacional 62% de Escocia votou a favor de permanecer no bloque comunitario. "Porén en 2020, Escocia foi apartada da UE canda ao resto do Reino Unido", afirman.

A solicitude por parte de Edimburgo para que se desenvolva un segundo referendo de independencia ─o popularmente coñecido como indyref2─ foi denegada até agora por Londres. Mais os asinantes asumen que se acabará facendo, e que en tanto que duren as negociacións "non deberiamos permanecer parados".

Circunstancia excepcional

"É unha circunstancia sen precedentes e require dun pensamento innovador por parte da UE. Polo tanto, solicitámoslles que se aseguren de que a UE marca un camiño claro para que Escocia se converta nun membro con antelación a calquera referendo de independencia", apuntan os asinantes, de todos os Estados membros da UE e de todas as nacións do Reino Unido, como a poeta escocesa Jackie Kay ou o novelista inglés Ian McEwan. 

Recoñecen que no proceso habitual de ingreso, Bruxelas só se pronuncia no caso dunha petición por parte dun país independente. Mais ─sosteñen─ "Escocia merece un proceso diferente". Arguméntano sinalando que, malia ser legalmente parte do Reino Unido e, polo tanto, non poder negociar directamente coa UE, Bruxelas si que "pode declarar que, dado que Escocia xa fixo parte da UE, en caso de se converter en independente legal e democraticamente, non necesita postularse como un candidato de 'novo' acceso"

Apoio económico

A súa proposta é a seguinte: "Unha oferta unilateral e aberta de ingreso" por parte da UE e dos Estados membros. Unha proposta "excepcional" dadas as circunstancias de Escocia. Excepcionalidade que xa se dá ─sinalan─ no caso de Irlanda do Norte. O 29 de abril de 2017, o Consello Europeo aprobou ─a petición da República de Irlanda─ que os seis condados da illa baixo soberanía británica puidesen pasar a ser automaticamente parte da UE de se aprobar en referendo a reunificación irlandesa. 

Ademais, piden á UE que apoie economicamente o Goberno de Escocia neses meses de transición entre a hipotética declaración de independencia e o seu regreso ao bloque comunitario. 

A carta, que asinan tamén famosos artistas como o actor escocés Brian Cox ou o produtor musical inglés Brian Eno, fai un chamamento aos valores de "solidariedade e democracia" polos que segundo eles se debe guiar a cidadanía europea. Neste sentido piden o apoio á "elección democrática de Escocia sobre o seu futuro". É dicir, apoio ao indyref2.

Publicada onte pola mañá na web Europe for Scotland, a unha semana das eleccións escocesas do 6 de maio, a misiva aspira a sumar máis asinantes, entre os que xa están o historiador alemán Jan Assmann, o xornalista italiano Roberto Saviano ou o economista belga Philippe van Parijs.

comentarios