A Península Ibérica, unha gaiola animal

O Parlamento Europeo aprobou por ampla maioría apoiar unha iniciativa cidadá que demanda a prohibición do uso de gaiolas na cría de animais na UE. A resolución parlamentaria, pendente de que a autorice a Comisión, estabelece un período de transición até 2027. Para Estados como España e Portugal fica un longo camiño.
porcas_endthecage
photo_camera A gran maioría das porcas na UE pasan media vida en estreitas gaiolas, onde paren, e aleitan as crías a través das reixas (Foto: End the Cage Age)

España: 86.688.972. Portugal: 12.717.810. É o número de animais no sector agrogandeiro destes dous Estados da UE que son criados en gaiolas. Isto é, 89% do seu total en ambos os dous casos. Galiñas, porcos, tenreiros, coellos... que nalgúns casos están recluídos en espazos tan pequenos que nin sequera se poden pór en pé ou cambiar de postura.

A nivel comunitario, máis de 90% dos coellos críanse en gaiolas. Tamén a gran maioría das porcas pasan a metade da súa vida confinadas: até seis meses ao ano en estreitas gaiolas, onde paren, e teñen que aleitar as crías a través das reixas. O documental Motherhood ("Maternidade"), da neerlandesa Eline Helena Schellekens, reflicte esta situación.

Para acabar con ela, 170 ONG polos dereitos dos animais de toda a UE impulsaron a campaña End the cage age ("Acabar coa era das gaiolas") co fin de impulsar unha iniciativa cidadá europea (ICE) ─iniciativa lexislativa popular a nivel da UE─. 

Lanzada o 11 de setembro de 2018, conseguiu nos prazos estabelecidos superar o limiar do millón de sinaturas (1.397.113) e o apoio mínimo en 18 Estados membros dos sete requiridos. 

Foi entregada o 2 de outubro do ano pasado e esta semana logrou dar un paso máis ao conseguir o apoio do Parlamento Europeo, que tras debatela o pasado 15 de abril aprobou unha resolución instando a Comisión a lexislar para terminar coa cría de animais engaiolados antes de 2027. Houbo 558 votos a favor, 37 en contra e 85 abstencións.

Esta ampla maioría é reflexo do sentir entre a cidadanía. O Eurobarómetro especial sobre "Actitudes dos europeos cara ao benestar animal" rexistra que 82% dos habitantes da UE consideran que a protección actual non é adecuada e que debe ser mellorada.

Período de transición

A Eurocámara salientou, con todo, que se debe ofrecer "un período de transición adecuado" e con base nunha "avaliación de impacto con criterios científicos" e nun enfoque por especies. 

Ademais, subliñouse que aínda que varios Estados están a aplicar xa con éxito alternativas á cría en gaiolas, cómpre unha lexislación a nivel comunitario para asegurar as mesmas condicións a todos os produtores da UE.

O texto aposta por unha política alimentaria máis exhaustiva co fin de apoiar a transición cara a un sistema alimentario máis sustentábel. Mais tamén para evitar que as pequenas e medianas explotacións abandonen a produción de gando e previr que se dea unha maior concentración en explotacións grandes.

Agora a última palabra tena a Comisión Europea, que está previsto que se pronuncie oficialmente antes do 30 de xuño. Durante o debate, a comisaria de Seguridade Alimentaria, Stella Kyriakides, non se quixo comprometer ante o Parlamento coa data de 2027, mais afirmou que a transición se daría "tan axiña como for posíbel". Tamén dixo que se estuda exixir os mesmos estándares de benestar animal á carne importada fóra da UE.

Entre os Estados con lexislacións máis avanzadas están, por esta orde, Austria (3%), Luxemburgo (3%), Suecia (8%) Alemaña (14%) ou Países Baixos (17%). As porcentaxes fan referencia ao número de animais criados en gaiolas. 

Entre os que están máis lonxe do benestar animal na súa cría, os países bálticos e do Leste. Os que teñen unha maior porcentaxe de animais engaiolados son Portugal e España, con 89%, e Malta, con 99%. Mais por número total, cos seus case 87 millóns, España gaña por goleada. 

España, un dos cinco Estados da UE que teñen permiso para producir foie gras

A resolución aprobada polo Parlamento Europeo tamén demanda á Comisión que presente unha proposta para prohibir as prácticas crueis e innecesarias de engorde de patos e ocas para a produción de foie gras. 

Moitos Estados da UE e da súa contorna, como Luxemburgo, Noruega, Suíza, Dinamarca, Holanda, Polonia, Finlandia, Alemaña, Reino Unido ou Italia, prohiben a produción de foie de pato ou de oca. A práctica da alimentación forzada foi definida como nociva para o benestar dos animais nun Informe do Comité Científico Veterinario da UE e prohibida posteriormente. 

Porén, unha excepción a esta norma permite a súa produción en Francia, Bulgaria, España, Hungría e Bélxica, territorios desde onde se exporta o foie gras a todos os países europeos onde a súa venda aínda está permitida.

Comentarios