Caso 'Pegasus'

A oposición cuestiona a "casualidade" da denuncia de Sánchez e Robles cando se está a investigar o caso 'Pegasus'

O independentismo lamenta a "dobre vara de medir" do Goberno estatal, que agora afirma que a Sánchez lle extraeron até 2,6 xigas de información do seu móbil.
O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha sesión do Senado decorrida a pasada semana. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

Os teléfonos móbiles do presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, e máis da ministra de Defensa, Margarita Robles, foron intervidos entre maio e xuño do pasado ano polo software espía Pegasus. Ese foi o anunciou que esta segunda feira fixo o ministro de Presidencia, Félix Bolaños, quen asegurou que se trata de feitos "contrastados e fidedignos" e non de "suposicións".

Após coñecerse este anuncio, o titular do Xulgado de Instrución número 4 da Audiencia Nacional, José Luis Calama, remitiu ao Xulgado Central de Instrución Decano, para que se proceda á súa repartición ao que por quenda corresponda, a denuncia presentada na mañá desta segunda feira pola Avogacía do Estado.

Fontes da Audiencia Nacional indicaron que o xuíz Calama, en funcións de garda, trasladou esta denuncia e, en virtude das normas de repartición, o Xulgado de Garda coñecerá e asumirá a competencia dos atestados, denuncias ou querelas que se presenten, durante ese período da garda ou, cando menos, a partir das 24 horas da sexta feira anterior ao comezo da mesma.

Aliás, desde o Goberno estatal apuntaron que nas dúas intrusións con Pegasus ao teléfono móbil de Pedro Sánchez foron extraídos 2,6 xigas e 130 megas de datos, mentres que o ataque ao móbil de Robles provocou a filtración de 9 megas de datos.

Reaccións políticas

O líder do PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, considerou que o feito de que se coñeza "agora" o ataque a Sánchez e Robles é unha "casualidade política non menor", ao producirse en "pleno debate" sobre o caso da presunta espionaxe a dirixentes independentistas e da "estabilidade" do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos.

Pola súa parte, o deputado e portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, cualificou esta noticia como "sorprendente" e volveu exixir a creación dunha comisión de investigación, como viña solicitando o Bloque. "Se é unha cortina de fume para facer pasar culpábeis por vítimas é moi grave; se é verdade, é gravísimo", incidiu.

Aliás, o president da Generalitat e outra das persoas que denunciaron a espionaxe, Pere Aragonès, lamentou a "dobre vara de medir" do Goberno español. "Sei o que é sentirse espiado, sentir vulnerada a túa intimidade e a túa acción política. Non llo desexo a ninguén. Pero a dobre vara de medir é evidente. Contra o independentismo todo vale", censurou.

"Que aumente a listaxe de espiados só confirma que estamos ante o maior escándalo de espionaxe da nosa historia", engadiu o presidente do grupo parlamentario de Unidas Podemos, Jaume Asens.

Comentarios