Eurodeputados acusan políticos españois de boicotear a investigación de 'Pegasus' no Estado español

Tres integrantes da comisión que si seguirá a pista das espionaxes en Israel, Hungría e Polonia acusan membros de PP e PSOE de facer presión para impedir que España se sume á lista de estados investigados, segundo o xornal 'Politico'.
Parlamento Europeo
photo_camera Sede do Parlamento europeo na cidade francesa de Estrasburgo. (Foto: Europa Press)

Varios políticos españois tentan impedir que a comisión do Parlamento europeo que investiga os casos de espionaxe co programa israelí Pegasus poña o foco tamén no propio Estado español, logo de transcender que o Goberno de Pedro Sánchez ordenou espiar 18 independentistas cataláns.

Segundo vén de publicar o xornal Politico, con sede en Bruxelas, o Estado español tería sido eliminado do itinerario da comisión —da que fai parte o ex ministro do Interior Juan Ignacio Zoido— por "temor a avergoñar" os políticos españois.

Esta comisión dirixirase a Israel, Polonia e Hungría nos próximos meses, mentres a misión no Estado español queda "conxelada", malia que aínda "non se descartou por completo", segundo informaron tres membros do Parlamento implicados na investigación.

"Semella sorprendente que non haxa unha maioría para aprobar unha delegación a un estado membro onde se descubriron moitos casos de uso de Pegasus, algúns con autorización xudicial", dixo un eurodeputado español do comité que pediu non ser identificado. "Imos a Washington pero non a España?", cuestionou, sempre segundo esta mesma información.

O intento de bloquear a visita ao Estado español desta comisión tería partido dos grupos parlamentarios do Partido Popular Europeo, onde está integrado o PP, e dos Socialistas e Demócratas —PSOE—.

Juan Ignacio Zoido, preguntado por ese xornal, acusou os membros cataláns da Eurocámara de "tratar de secuestrar o traballo da comisión nun esforzo coordinado para difundir a súa propaganda".

Bloqueo no Congreso

A finais de maio, PP, PSOE e Vox uniron os seus votos para rexeitar a apertura no Congreso dunha comisión de investigación sobre as 'cloacas' do Estado, unha demanda de formacións como BNG, Unidas Podemos, ERC, Bildu, Junts, PDeCAT ou Compromís.

Comentarios