Caso 'Pegasus'

O futuro da directora do CNI fica no ar polas espionaxes mentres o avogado de Puigdemont denuncia a empresa de 'Pegasus'

O Goberno estatal afirma que Paz Esteban, directora do CNI, conta co "apoio" de Pedro Sánchez, se ben non garante a súa continuidade após revelar Moncloa que o presidente e a ministra de Defensa, Margarita Robles, foron espiados con 'Pegasus'.
A ministra de Defensa, Margarita Robles, saúda a directora do CNI, Paz Esteban, no momento do seu nomeamento, en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera A ministra de Defensa, Margarita Robles, saúda a directora do CNI, Paz Esteban, no momento do seu nomeamento, en febreiro de 2020. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A directora do Centro Nacional de Intelixencia (CNI), Paz Esteban, conta co apoio do presidente do Goberno estatal após saír á luz que el mesmo e máis a ministra de Defensa foron espiados co programa informático Pegasus, segundo asegurou esta terza feira a ministra portavoz, Isabel Rodríguez.

Porén, evitou descartar unha posíbel dimisión de Esteban nas próximas semanas ao asegurar que hai que adoptar as decisións en función da información e "primeiro hai que determinar o sucedido". "Non podemos falar de futuríbeis", sinalou Rodríguez ao ser preguntada directamente sobre se a directora do CNI vai dimitir ou será cesada nas próximas semanas.

Nesta mesma liña, afirmou que "cada momento ten o seu afán" e agora están en fase de aclarar o que sucedeu e a quen lle sucedeu. Así, apuntou que isto é "determinante" para "corrixir" o acontecido.

Previamente, Rodríguez expresara o apoio do Goberno tanto a Margarita Robles como a Paz Esteban: "A ministra de Defensa conta co apoio do presidente do Goberno, igual que a directora do CNI", recalcou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministras, na que reivindicou que o Executivo actuou con "total transparencia" neste caso.

Gonzalo Boye querélase contra a empresa israelí propietaria de Pegasus

Noutra orde, Gonzalo Boye, avogado entre outras persoas do ex president da Generalitat de Catalunya Carles Puigdemont, presentou esta terza feira unha querela por un presunto delito de descubrimento e revelación de segredos contra NSO, a empresa israelí propietaria do programa Pegasus, e contra os seus tres fundadores, así como contra outras dous mercantís, pola espionaxe da que tería sido vítima.

Nun escrito de 109 folios, o letrado pediu ao Xulgado de Instrución de Madrid que admita a trámite a súa querela e acorde a práctica dunha batería de dilixencias. Boye denuncia que, conforme ao informe emitido por The Citizen Lab, entre xaneiro e maio de 2020 e o 30 de outubro dese mesmo ano foi vítima de, cando menos, 18 ataques con Pegasus, "a través de mensaxes SMS que contiñan unha ligazón 'maliciosa' (malware) ocultas como notificacións de Twitter".

O letrado contextualiza esta presunta espionaxe no marco da "innumerábel cantidade de medidas adoptadas por diversos estamentos do Estado español, especialmente desde as altas instancias xurisdicionais, así como por parte de radicais sectores dentro das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coa fin de reprimir o dereito á participación política" de Puigdemont e outros líderes independentistas.

Comentarios