INTERNACIONAL

Aragonès e Sánchez acordan reunirse para abordar o caso da espionaxe con 'Pegasus'

Caso 'Pegasus'

Aragonès e Sánchez acordan reunirse para abordar o caso da espionaxe con 'Pegasus'

"A situación é moi grave. Fai falta un encontro urxente", advertiu o president da Generalitat. Pola súa parte, Sánchez trasladou a súa "firme vontade" de dialogar co Govern sen facer mención ningunha ás espionaxes.
Pere Aragonès e Pedro Sánchez, esta sexta feira, en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Pere Aragonès e Pedro Sánchez, esta sexta feira, en Barcelona. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

O primeiro encontro público entre o president da Generalitat de Catalunya, Pere Aragonès, e o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, despois da confirmación da espionaxe do CNI a Aragonès e máis outros líderes independentistas produciuse esta sexta feira ás portas dun hotel de Barcelona.

Foi un breve intercambio de impresións, mais o president aproveitou para advertir Sánchez da necesidade de convocar unha "reunión bilateral urxente".

"A situación é moi grave. Fai falta un encontro urxente", advertiulle, segundo fontes da Generalitat, ás portas do hotel 'W', onde decorría a sesión de clausura dunhas xornadas do Cercle d'Economia nas que se lle entregaba o premio desta entidade á construción europea á  presidenta da Comisión da Unión Europea (UE), Ursula Von der Leyen.

Moncloa asegura que Sánchez aproveitou estes momentos para instar Aragonès a "resolver a situación", alén de emprazar o president a "pensar nos cataláns".

Ambos os dous dirixentes acordaron concertar un encontro. No seu discurso na sesión de clausura destas xornadas, Sánchez defendeu a súa "firme vontade" de avanzar no diálogo coa Generalitat mais non mencionou en ningún momento o escándalo da espionaxe con Pegasus.

Ao remate da súa intervención, Aragonès non aplaudiu Sánchez e fontes do Govern criticaron que esta apelación ao diálogo "non achega nada de novo e menos no contexto" da polémica espionaxe.

Carta a von der Leyen

Representantes de ERC, Junts, CUP, Òmnium e ANC concentráronse esta sexta feira fronte ao hotel 'W' de Barcelona e mostraron pancartas en inglés cos lemas 'España nos espía' e 'Democracia baixo vixilancia'.

ERC, Junts, a CUP e as entidades independentistas enviaron tamén unha carta a Von der Leyen, para reclamar "unha investigación independente, transparente e imparcial para sancionar aos responsábeis do 'caso Pegasus' e exixir que o Estado pare a espionaxe ilegal e se garantan os dereitos humanos".

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.

comentarios