VÍDEO | Pedro Castillo: "Sigo sendo o presidente constitucional do Perú"

Castillo expresou a súa "profunda solidariedade coas familias" das vítimas asasinadas, feridas e torturadas, pola represión e violacións contra os dereitos humanos da forza pública durante o réxime de Dina Boluarte.
O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: El comercio / Zuma Press / Contactophoto)
photo_camera O ex presidente do Perú, Pedro Castillo. (Foto: El comercio / Zuma Press / Contactophoto)

Na súa comparecencia ante a Comisión de Fiscalización do Congreso de Perú, o deposto mandatario Pedro Castillo asegurou que segue sendo o presidente constitucional do país andino.

"Sigo sendo o presidente constitucional do Perú", dixo Castillo desde a prisión de Barbadillo, onde se atopa privado de liberdade desde decembro pasado, sinalado por delitos de conspiración e investigado por supostas tramas de corrupción que lle imputa a Fiscalía.

O ex presidente foi convocado a declarar perante esa instancia parlamentaria, en calidade de imputado, polas investigacións ao redor dun dos diversos casos que o acusan de ser partícipe por presunta organización criminal.

Cando o congresista Héctor Ventura, da bancada fujimorista Forza Popular e un dos grupos opositores que actuou de forma máis radical contra o Goberno de Castillo, lle pediu que testificase baixo xuramento, o ex mandatario aproveitou a oportunidade para facer a súa aclaratoria e ratificar que segue sendo Xefe de Estado.

Castillo, ademais, expresou a súa "profunda solidariedade coas familias" das vítimas asasinadas, feridas e torturadas, pola represión e violacións contra os dereitos humanos da forza pública durante o réxime de Dina Boluarte.

Do mesmo modo, denunciou que con anterioridade solicitara á Comisión de Fiscalización do Congreso participar nesa citación de maneira presencial, pero esa instancia insistiu en negar a posibilidade, alegando que cumpre unha medida de prisión preventiva.

"Xurarei presencialmente"

As palabras de Castillo déronse dunha maneira forzada porque foi interrompido e censurado por Ventura.

Entre tanto, o ex mandatario negouse a responder porque aspira facer a súa intervención de maneira presencial. Cando Ventura lle fixo un novo chamado a xurar para declarar nesa sesión, Castillo dixo: "Xurarei presencialmente".

Ventura, que é tamén presidente da Comisión de Fiscalización do Congreso, aseverou ante a prensa que un reo –en referencia a Castillo– non ía "pór condicións" a esa instancia, e considerou que o ex mandatario tentaría "dilatar, entorpecer e obstruír o desenvolvemento da sesión".

Ante a negativa de Castillo a declarar por videoconferencia, o congresista decidiu reprogramar para o próximo 5 de maio a toma de declaración do ex presidente.

Ventura agregou que a Comisión avaliará facer unha nova denuncia penal contra Castillo por desacato á autoridade durante a sesión. Sobre a solicitude do ex mandatario, o congresista adiantou que analizarán a posibilidade de trasladarse ou non até as instalacións do penal de Barbadillo.

Comentarios