Peaxe interna de Castillo na procura da luz verde do Congreso ao Goberno

O Parlamento peruano debate esta quinta feira a aprobación.
EuropaPress_3886837_17_august_2021_peru_lima_people_in_military_uniforms_hold_flags_and_shout
photo_camera Manifestación para pedir a renuncia de Héctor Béjas, o pasado 17 de agosto en Lima (Foto: Gian Masko / Dpa)

A renuncia do ministro de Exteriores peruano hai unha semana abriu a primeira crise de Goberno para Pedro Castillo. Abriu tamén outra interna ante a presión exercida por oposición e medios conservadores. Héctor Béjar, exguerrilleiro e sociólogo, dimitía tras as críticas por unhas declaracións en novembro. 

Nunha charla en internet, sostiña que "o terrorismo no Perú iniciouno a Mariña", en referencia aos atentados contra barcos pesqueiros cubanos en 1977 durante a ditadura de Juan Velasco. As palabras, difundidas por un programa de televisión, foron cualificadas de "manipulación" por Exteriores, mais  a renuncia de Béjar foi "irrevogábel".

O exchanceler era un dos ministros que a oposición exixía a Castillo mudar para dar o voto de confianza ao Goberno no pleno do Parlamento desta quinta feira, 26 de agosto. Béjar estaba considerado un expoñente da esquerda radical máis próxima a Vladimir Cerrón, o líder e fundador do partido de Goberno, o marxista-leninista Perú Libre.

Cerrón, tras Castillo designar substituto, falou con claridade en Twitter: "O novo chanceler, Óscar Maúrtua de Romaña, non representa o sentir de Perú Libre. O noso partido é un ente integrador e soberano, aposta por unha Latinoamérica unida independente, rexeitando calquera política de inxerencia ou servil".

Bellido e a presión da rúa

A designación pode facilitar que o Goberno de Castillo logre luz verde do Congreso, mais está lonxe de ser segura (só ten 37 dos 130 deputados). O seu primeiro ministro, Guido Bellido, presentará na Cámara o programa de Goberno, e é o propio Bellido quen máis repudio xera nos sectores conservadores peruanos. Declarado marxista, está a ser investigado por un suposto delito de apoloxía do terrorismo tras defender publicamente varios membros de Sendero Luminoso, "grupo terrorista" no Perú. 

A dereita volveu saír o domingo ás rúas para manifestarse en contra de Perú Libre e pedir que Castillo marche. Unha intensa campaña que para Béjar, segundo declarou nunha entrevista no diario español Público, supón "o comezo dun golpe brando".

E a que se produza ─o fracaso de Castillo─ agarda a líder da oposición, Keiko Fujimori, que nas últimas horas buscou paliar a perda de lexitimidade institucional ─tras as denuncias sen probas de fraude electoral─ recoñecendo nunha entrevista na radio peruana RPP a Castillo como presidente, case un mes despois da toma de posesión. 

Comentarios