Fechadas as candidaturas ao 21-D

Puigdemont trata de emular as listas de Junts pel Si para evitar a caída

Na noite da sexta feira, día 17, rematou o prazo para a presentación de candidaturas ás eleccións catalás do 21 de decembro. Unhas listas en que é posíbel atopar ex dirixentes de Unió fichando polo PSC ou por ERC ou ex consellers do PSC á candidatura encabezada por Carles Puigdemont.

Parlament
photo_camera Unha imaxe do Parlament na pasada lexislatura

Desde Bruxelas e vía Twitter, Carles Puigdemont anunciaba a candidatura de JuntsxCat, lista impulsada polo PDECat, ás eleccións do 21-D e que trata de imitar Junts pel Si. Así, mentres Junts pel Si elixía para o segundo e o terceiro posto as ex presidentas da ANC e de Òmnium, Carme Forcadell e Muriel Casals, JuntsxCat leva agora de dous o actual presidente da ANC, Jordi Sánchez, en prisión preventiva acusado dun delito de sedición. A continuación, na lista por Barcelona, sitúanse os consellers Clara Ponsantí e Jordi Turull; a directora do Institut de les Lletres Catalanes, Laura Borràs, e os consellers Josep Rull e Joaquim Forn. O até agora director de RAC 1, Eduard Pujol, ocupa o número nove.

O ex candidato de ERC Eusebi Campdepadrós será cabeza de lista por Tarragona, seguido de Teresa Pallarès, ex socialista que foi subdelegada do Goberno con Zapatero. Encabeza a lista por Girona Gemma Geis, vicerreitora da Universitad de Girona.

Chama a atención a ausencia dos coordinadores xerais do PDECat Marta Pascal e David Bonvehí, así como da conseller Meritxell Borràs, que alegou, desde a cadea, motivos persoais para non sumarse á candidatura.

Con esta lista, o PDECat tratará de reverter as previsións electorais que o relegan á terceira ou cuarta forza do Parlament.

A lista de ERC segue a sumar independentes

Liderando as enquisas, ERC tratou de ter as mans libres para romper a dinámica de bloques e preséntase por Barcelona cunha lista encabezada por Oriol Junqueras e Marta Rovira que suma moitas das persoas independentes que concorreron con Junts pel Si, caso de Raül Romeva (3) ou Carme Forcadell (4). O até agora conseller Toni Comín e o ex conseller Ernest Maragall tamén forman parte dunha candidatura que incorpora ex dirixentes de Unió de Demócratas, como Antoni Castellà (15) ou Asunción Laïlla (20).

O conseller Carles Mundó ocupará o quinto lugar, a conseller Merixell Serret será cabeza de cartel por Lleida e Dolors Bassa, por Girona. Nestas eleccións, ERC conta co apoio de Demòcrates (o sector soberanista de Unió) e de MES (soberanistas que veñen do PSC).

A CUP, unha candidatura de partido

A CUP aposta nunha lista de partido, agás no caso da escritora Bel Olid, a quen incorpora como independente no número 7 por Barcelona. Así, será a primeira vez que a CUP se presente ás eleccións do Parlament cun candidato, Carles Riera, que, a diferenza de David Fernández ou Antonio Baños, non é independente.

Ciudadanos, PSC, Comuns e PP

A encabezada por Inés Arrimadas, líder da oposición, é unha lista de continuidade, en que repiten o até agora portavoz parlamentar, Carlos Carrizosa, seguido do vicepresident segundo da mesa, José María Espejo-Saavedra. A fichaxe “estrela” de Ciudadanos é o xornalista e politólogo Nacho Martín Blanco.

Miquel Iceta, pola súa parte, incorporou nas súas listas ex dirixentes de Unió como Ramon Espadaler, de número tres. Alén de dirixentes da antiga Unió, Iceta suma representantes das principais entidades unionistas, como Álex Ramos, de Sociedad Civil Catalana; Mario Romeo, de Tercera Vía ou Beatriz Silva, de Federalistas de Izquierda. Fechando a lista, de forma simbólica, o PSC fichou o ex eurodeputado de Podemos e ex fiscal anticorrupción Carlos Jiménez Villarejo.

A candidatura de Xavier Domènech buscou non repetir a fórmula de Catalunya Si que es Pot, grupo parlamentar do que non participou Barcelona en Comú e que dirixiu ICV. A número dous da lista dos Comúns é Elisenda Alamany, quen ocupará o papel de portavoz que tiña Joan Coscubiela. De tres preséntase a dirixente de Podemos Jéssica Albiach, crítica coa dirección de Albano Dante. Os ecosocialistas fican relegados ao cuarto posto con Marta Ribas. En lugares simbólicos aparecen independentes como o xornalista Jaume Barberà; o ex secretario de CCOO de Catalunya, Joan Carles Gallego ou a cineasta catalá Mar Coll.

O PP, pola súa banda, seguirá liderado por Xavier García Albiol. Unha lista en que continuará, como número dous, Andrea Levy. A fichaxe máis soada foi a do alcalde de Gimenells, Dante Pérez, que en 24 horas pasou de ser alcalde do PSC a estar nas filas do PP. Dante Pérez é o número dous por Lleida.

Comentarios