O PDeCAT defende agora formar un Govern "dentro da legalidade"

Marta Pascal suxire que Puigdemont podería propor un candidato alternativo.

marta pascal
photo_camera Marta Pascal

Nunha entrevista en La Vanguardia, a coordenadora do PDeCAT Marta Pascal advoga por formar un Govern estábel e "dentro da legalidade vixente", un apelo que en principio non se axustaría coa hipótese da investidura de Puigdemont, exiliado en Bruxelas e sobre o que pesa unha ameaza de detención se pisa territorio de xuridisción española.

O discurso de Pascal abala entre a lexitimidade de Puigdemont -defende a súa investidura e afirma que non hai plano B- e a idea de que é preciso constituír un Executivo blindado ás continxencias xudiciais. A solución a esta lea, deíxao entrever, pasaría por que fose o propio líder de JxCat quen eventualmente propuxese unha candidata ou un candidato alternativos.

O que si ten claro Pascal é que non se poden pór en perigo os membros da Mesa do Parlament forzándoos a tramitar resolucións -por exemplo unha investidura telemática de Puigdemont- que eventualmente puidesen ser obxecto de recurso xudicial por parte do Estado. "O liderado de Puigdemont non se pode cuestionar, mais a solución ha de pasar necesariamente polo que di o regulamento en cada momento. Non se pode permitir pór en perigo persoas polas decisións que adopten", dixo.

Unha cousa é o PDeCAT e outra distinta, JxCat, a lista do president -formada basicamente por persoas independentes, da confianza directa de Puigdemont- así que non existe ningunha seguranza de que as declaracións de Marta Pascal están previamente pactadas co político de Girona. 

Comentarios