Finlandia pide á poboación que compre pastillas de iodo: protexen realmente da radiación nuclear?

A OMS non recomenda o uso dos comprimidos de ioduro de potasio de forma "preventiva", "agás se o recomendan as autoridades".
Pílulas de ioduro de potasio. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Pílulas de ioduro de potasio. (Foto: Nós Diario)

A escalada bélica en Ucraína fai soar de novo as alarmas ante un hipotético uso de armamento nuclear. Esta terza feira o Ministerio de Asuntos Sociais e Sanidade de Finlandia pediu á poboación menor de 40 anos que se abasteza de tabletas de ioduro de potasio como "medida preventiva" en caso de risco de radiación.

Logo deste anuncio, as existencias deste produto esgotáronse cedo en todas as farmacias do país, se ben desde a Asociación Finlandesa de Farmacia afirmaron que volverán estar dispoñíbeis "nun futuro próximo".

Porén, é necesario adquirir ioduro de potasio? O mesmo colectivo precisou que non existe unha "necesidade urxente" de facelo a pesar da recomendación do Goberno e instou a facer unha compra racional.

A Organización Mundial da Saúde (OMS) aconsella, nun hipotético escenario de ataque nuclear, inxerir estes comprimidos "antes ou durante a irradiación", xa que pode contribuír a "bloquear" o iodo radioactivo.

Porén, a propia OMS matiza que o ioduro de potasio "non funciona como antídoto da exposición á radiación", senón que actúa "protexendo a tiroides no caso de que houber risco de exposición inerna a iodo radioactivo", algo que pode acontecer após un accidente ou ataque nuclear.

"Non protexe contra outras substancias radioactivas que se poden emitir ao medio ambiente como resultado dun accidente nuclear; non protexe contra a radiación externa, é dicir, contra a radioactividade que se deposita no solo, as superficies ou os alimentos, e non evita que o iodo radioactivo entre no organismo, senón que impide que o capte a tiroides", explica a entidade.

Non se debe inxerir ioduro de potasio de forma "preventiva"

Tampouco recomenda a OMS tomar estas pílulas de forma preventiva, agás "cando o recomenden explicitamente as autoridades de saúde pública", como é este caso en Finlandia. Pasadas 24 horas da inxesta, o ioduro de potasio perderá o seu efecto protector por completo.

As autoridades finlandesas advertiron tamén que nas farmacias non se dispensan actualmente este tipo de comprimidos para crianzas de tres anos ou menos, polo que os centros de saúde "deberán importalas e distribuílas".

O seu consumo é tamén importante, pois, lembra a OMS, o risco de contraeren os nenos e nenas cancro de tiroides tras a exposición a iodo radioactivo é "superior" ao das persoas adultas, e os grupos de idade que máis risco corren son os máis novos. Aos neonatos débeselles administrar unha soa dose de ioduro de potasio, e tamén é recomendábel, "só cando o indiquen as autoridades", para as mulleres embarazadas.

Comentarios