Os partidos pugnan en Madrid polos 26 escanos laranxas

Ao igual que aconteceu nas eleccións catalás de febreiro, socialistas, populares e Vox compiten para gañar nas eleccións á Asemblea de Madrid o votante que hai dous anos optou por Ciudadanos, mentres que a propia formación laranxa aspira a reter, cando menos, 5% do voto para poder contar con representación.
Inés Arrimadas, Ignacio Aguado e Edmundo Bal, candidato ás primarias de Cs para presidir Madrid.
photo_camera Inés Arrimadas, Ignacio Aguado e Edmundo Bal, candidato ás primarias de Cs para presidir Madrid. (Foto: Europa Press)

Remata unha dura semana para a presidenta de Ciudadanos, Inés Arrimadas. Nos últimos días viu desaparecer a posibilidade de que a formación laranxa presidise a rexión de Murcia, observou como a metade do grupo parlamentar nesa comunidade deu as costas e renegou da moción de censura que asinara horas antes, e sufriu múltiples perdas no partido, entre elas, dúas baixas no Congreso, así como o paso de Cs ao grupo mixto no Senado, após o incesante goteo de abandonos. 

Todo indica que continuarán aínda os transvases de Cs para o PP, coa data en mente do 4 de maio, xornada electoral en Madrid. Apenas pasou un mes desde que nos comicios cataláns o partido de Arrimadas perdera 30 escanos (baixou de 36 a 6) e de que PP, Vox e PSC pelexasen por gañar o electorado laranxa. Nas votacións catalás o PSC aumentou 15 escanos (subindo até os 33), Vox entrou con 11 e o PP non ficou con ningunha acta de Cs, todo o contrario, perdeu un escano. 

Agora, en Madrid, os mesmos partidos volven rivalizar para convencer o electorado que en 2019 votou Cs nas eleccións de Madrid. Daquela, a primeira forza foi o PSOE, con 37 escanos; a segunda o PP, con 30; seguida de perto por Cs, con 26. Vox obtivo 12. 

Mais as enquisas publicadas indican algo moi diferente respecto a Catalunya: o PP si sairía beneficiado da perda de Cs. O groso das sondaxes dan á presidenta popular de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, unha suba mesmo de 26 escanos, que son todos cos que conta Cs na Asemblea de Madrid. A formación laranxa superaría lixeiramente a barreira de 5%, o mínimo para obter representación. O PP está lanzado á procura do votante de Cs e Vox, tirando de discurso ultradereitista e ultraespañolista, e presenta Ayuso como "punto de unión" contra Pedro Sánchez.

O PSOE, pola súa banda, acode ás votacións co convencemento de que o perfil "sensato" e "moderado" do seu candidato, Ángel Gabilondo, será capaz de atraer o electorado "de centro" e "centro-dereita" que deixa libre Cs, e tamén de erixirse como a alternativa fronte á polarización que xeran Ayuso e o líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias.

Iglesias ve "máis que probábel" que Ayuso acabe en prisión

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, ve "máis que probábel" que cando se investigue "de verdade" a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, "sexa imputada e acabe en prisión". Para Iglesias, candidato á Presidencia de Madrid, "é un perigo para a democracia que esta xente poida gobernar. Son perigosos, cando dicimos que o PP é sinónimo de delincuencia e de crime estamos a dicir a verdade", sentenciou onte nunha entrevista en TVE.

Sobre a decisión do portavoz de Cs no Congreso, Edmundo Bal, de presentarse ás primarias para optar á Presidencia de Madrid, Iglesias resaltou que o "respecta" pero que cre que é "demasiado tarde" xa que, ao seu xuízo, a formación laranxa "cometeu un erro moi grave indo á Praza de  Colón". En canto a Más Madrid e o PSOE, prometeu que non sairá del "unha mala palabra" na campaña.

Comentarios