Os partidos alcanzan un amplo acordo económico e político en Irlanda do Norte

Os partidos do Ulster sentaron as bases dun amplo acordo en materia económica mais tamén de recuperación da memoria após o conflito.

irlanda
photo_camera [Imaxe AFP]


Após 11 semanas de diálogo e unha última sesión de 30 horas o 23 de decembro os partidos políticos de Irlanda do Norte alcanzaron un amplo acordo económico e político. 

A folla de rota, que deberá ser refrendada agora en procesos internos por cada unha das organizacións, estabelece un plan financeiro a longo prazo e un marco para dar continuidade ao proceso de paz de 1998. 

O documento acordado componse de 14 páxinas e inclúe diversas cuestións como a colocación das bandeiras (irlandesa e inglesa) nos edificios institucionais, as marchas da Orange Order (unionista e protestante), a recuperación da memoria ou a reforma dos subsidios públicos. 

En materia económica o acordo abrangue reformas no sistema de benestar social ao tempo que prevé dotar Irlanda do Norte dun plan de financiamento a 10 anos vista que deberá ser debatido con Londres. Neste senso, o goberno de David Cameron anunciou que destinaría unha partida orzamentaria de 2 mil millóns de libras para paliar os efectos da redución da administración norirlandesa e a reforma da seguridade social que deberá aprobar o Ulster nun prazo de dous anos. 

O acordo abrangue reformas no sistema de benestar social ao tempo que prevé dotar Irlanda do Norte dun plan de financiamento a 10 anos vista

Asemade, segundo comunicou o ministro de Economía británico en outono, Londres transferirá o imposto de sociedades a Irlanda do Norte en 2017. 

Comisión independente para a recuperación da información
No plano político o acordo céntrase no tratamento dalgúns aspectos que ficaran soltos nos Acordos de Paz do Venres Santo (1998). Neste senso, prevé a creación dunha Comisión independente do poder xudicial encargada de investigar as mortes acontecidas durante o conflito. 

A ela poderán acudir familiares das persoas asasinadas e tamén se creará unha equipa de investigación encamiñada a esclarecer os 1.800 casos non resoltos. 

Os partidos norirlandeses propoñen a Westminster transferir a xestión dos desfiles da Orange Order á Asemblea norirlandesa

O acordo prevé tamén a creación dun arquivo de historia oral en 2016 que recollerá testemuños de integrantes de ambos os dous bandos en conflito. 

Doutra banda, a respeito dos desfiles unionistas e da colocación das bandeiras en edificios institucionais o acordo pospúxose para novas xuntanzas após rematar o prazo pasa a sinatura dunha folla de rota. Así as cousas, os partidos norirlandeses propoñen a Westminster transferir a xestión dos desfiles da Orange Order á Asemblea norirlandesa e ordena a creación dunha comisión para o tratamento destes asuntos no prazo de 18 meses. 

As delegacións norirlandesas responsábeis da negociación aseguraron que animarán as súas respectivas organizacións a asinaren a folla de rota embora desde o Sinn Féin aseguraren que o acordo podería ser mellorábel. Desde Inglaterra, David Cameron amosouse "encantado" de teren acordado un documento base para iniciar as conversas. 

Comentarios