O proceso de primarias nos Estados Unidos deu onte comezo cos caucus de Iowa, a primeira dunha longa serie de votacións e cunha especial relevancia xa que dará pistas e pode marcar tendencias. Durante os vindeiros meses, o electorado estadounidense deberá decidir a candidata ou o candidato do Partido Demócrata e do Partido Republicano para as eleccións presidenciais de novembro.
Polos republicanos, non parece haber dúbidas de que o actual presidente do país, Donald Trump, será o elixido. Trump anunciou que optaría á reelección ─e púxose en marcha para conseguilo─, o 18 de febreiro de 2017, dous días antes de tomar posesión do seu cargo. De feito, numerosos Estados cancelaron xa o proceso de primarias.
Bill Weld, gobernador de Massachusetts e antigo membro do Partido Libertario, e Joe Walsh, ex congresista por Illinois e presentador dun programa de radio da órbita conservadora, son os rivais de Trump. Un Donald Trump que parte como favorito nas enquisas para anovar por outros catro anos o seu mandato.
É no Partido Demócrata, xa que logo, onde a decisión que tomen as e os votantes cobra maior importancia. En 2016, Hillary Clinton impúxose na carreira pola candidatura. Daquela, o senador por Vermont Bernie Sanders estivera a piques de conseguir a designación para se enfrontar a Trump.
A información íntegra pode ser consultada na edición en papel de Nós Diario, á venda nos quioscos, ou na súa lectura na nube.