O partido vira cara á Crida Nacional

Os partidarios de Puigdemont toman o control do PDeCat

Os partidarios de Carles Puigdemont, ex presidente da Generalitat exiliado en Alemaña, toman o control do PDeCat. Así se resolveu a asemblea nacional do partido herdeiro da antiga CiU: Marta Pascal abandona o cargo de coordinadora xeral e asume a presidencia David Bonvehí, ate agora número dous de Pascal.
 

Puigdemont, durante o seu discurso onte desde Bruxelas
photo_camera Carles Puigdemont, nun discurso ofrecido desde o exilio en Buxelas. Foto: cedida.

“É evidente que non pode ser que a coordinadora do PDeCat non teña a confianza do president Carles Puigdemont”, expuxo Marta Pascal na tarde do sábado, cando anunciou que abandonaba a coordinación do partido: “Eu non a teño, é evidente, como se viu”. No horizonte, a transformación da organización nun novo artefacto político electoral, a Crida Nacional per la República, impulsada por Carles Puigdemont.

Segundo informa El Nacional.cat, fontes próximas á ex coordinadora aseguran que esta perda de confianza debeuse ao apoio de Pascal á moción de censura formulada polo PSOE contra o Goberno de Mariano Raxoi. “Esa posición non coincidía coa estratexia do president”, sinalan.

Ademais, de Bonvehí na presidencia, será a deputada no Congreso Miriam Nogueras a que ocupe a vicepresidencia. A secretaría de organización será posibelmente para Ferran Bel, alcalde de Tortosa e integrante do sector de Marta Pascal.

Esquerra, primeira forza

A asemblea do PDeCat reúnese na mesma semana en que o Centro de Estudios de Opinión de Catalunya organismo oficial de sondaxes da Generalitat- publicou unha enquisa en que sitúa Esquerra Republicana como a forza máis votada de se celebrar eleccións ao Goberno catalán. Pasaría aos 35-37 escanos fronte aos 32 actuais. Junts per Catalunya pasaría a 27-29 -ten 34. E Ciudadanos baixaría de 36 a 30 ou 29.

A CUP experimentaría unha notábel subida -de 4 a 8 ou 10-, o PSC unha máis lixeira -de 17 a entre 19 e 21. Os Comúns estáncanse en 8-10 e o PP baixaría aínda máis e pasaría de 4 a 3. Claro que a creación de Crida Nacional per la República e a conseguinte transformación do espazo que cobre o PDeCat -antes Convergència- ou Junts per Catalunya -a plataforma que impulsou Puigdemont a partir dese partido- alteraría de novo o axitado taboleiro catalán.

Comentarios