O Parlamento portugués aproba renovar o estado de emerxencia até o 1 de marzo

Os datos de contaxios e mortes pola Covid-19 comezan a estabilizarse despois dun mes negro.
EuropaPress_3519617_15_january_2021_portugal_lisbon_woman_wears_face_mask_as_she_walks_past_by
photo_camera O confinamento alargarase en Portugal. Na imaxe, rúa de Lisboa (Foto: Pedro Fiuza / Zuma)

O Parlamento de Portugal aprobou na quinta feira, 11 de febreiro, unha nova prórroga do estado de emerxencia entre o 15 de febreiro e o 1 de marzo, unha medida que alargará o confinamento vixente co fin de seguir estabilizando a curva de contaxios e de mortes pola Covid-19.

O Partido Socialista do primeiro ministro, António Costa, o PSD (centrodereita), que lidera a oposición, o democristián CDS e o animalista PAN, así como a deputada non inscrita Cristina Rodrigues votaron a favor.

PCP, Os Verdes, Iniciativa Liberal, o ultradereitista Chega e a deputada Joacine Katar Moreira votaron en contra. E o  Bloco de Esquerda abstívose. A votación foi idéntica á que se produciu nas dúas anteriores renovacións, aprobadas no Parlamento e decretadas polo presidente da República en 13 e 28 de xaneiro.

Na clausura do debate do que é xa 11º estado de emerxencia en Portugal desde que en marzo do anos pasado se aprobara o primeiro, o ministro da Administração Interna considerou que as "medidas tomadas há duas semanas estão a surtir efeitos". Eduardo Cabrita indicou que, desde un pico de casos activos a finais de xaneiro, houbo unha redución de 35% de casos positivos de Covid-19 nos últimos 15 días, un descenso de 18% nos ingresos hospitalarios e os "resultados animadores" dunha diminución de 7,5% en UCI. 

Mes negro

O confinamento iniciado o pasado 15 de xaneiro permitiu fechar un mes negro para Portugal, onde se chegaron a rexistrar máis de 16.000 contaxios e 300 falecemento nun só día. Na quinta feira as autoridades notificaron 167 mortes e 3.480 novos casos, en liña cos datos dos últimos días, en que baixou de forma significativa a cifra de hospitalizados.

A tendencia mantívose na quinta feira: tras 259 altas, o total de persoas ingresadas é de 5.570. Destas, 836 están en coidados intensivos, 17 menos que o día anterior.

Os especialistas que asesoran o Goberno recomendan baixar máis estas cifras antes de aliviar as restricións, e de aí a nova prórroga do estado de emerxencia.

O proxecto aprobado na quinta introduce algunhas alteracións con respecto ao até agora vixente. Por exemplo, contémplase a elaboración dun plano graduado de reapertura das aulas presenciais. Tamén, permitirase a venda de libros e material escolar nas grandes superficies. E imporanse límites ao ruído en certos horarios nos edificios de vivendas para non perturbar as persoas que están a teletraballar.

Co estado de emerxencia renovado, será agora o Goberno quen determine concretamente cal serán as medidas a aplicar.

Comentarios