mércores 14/04/21

O Parlamento francés recoñece o ensino inmersivo para as linguas minorizadas

Aprobada a Lei de Linguas Rexionais malia a oposición do Goberno, que considera que é inconstitucional.
linguas_bretanha
linguas_bretanha

O Parlamento de Francia aprobou na quinta feira 8 de abril o proxecto de lei para protexer e promover as linguas minorizadas do país, despois do voto favorábel da Asemblea Nacional en segunda lectura e malia a reticencia do Goberno e dos deputados do partido que o sostén, A República en Marcha. 

A "Proposición de lei relativa á protección do patrimonio das linguas rexionais e a súa promoción" saíu adiante na Cámara baixa con 247 votos a favor e 76 en contra. Presentada inicialmente o 30 de decembro de 2019 polo deputado bretón Paul Molac, do grupo parlamentario Libertés et Territoires, contou ademais neste tempo co pulo da sociedade civil, encarnada na agrupación Pour que Vivent Nos Langues ("Para que vivan as nosas linguas"), fundada polo propio Molac e polo eurodeputado corso François Alfonsi.

Durante o procedemento lexislativo foron acernados os puntos máis controvertidos do texto. Os máis esenciais. A Asemblea Nacional retirounos na primeira lectura e foron reintroducidos posteriormente no Senado. 

Finalmente, a Cámara baixa deu na quinta feira o visto bo á proposta orixinal, que permitirá unha grande innovación: a implantación da educación inmersiva (a que se realiza durante un amplo período de tempo na lingua minorizada, en materias non relacionadas cos idiomas).

Até agora o ensino inmersivo nas linguas minorizadas só era posíbel fóra da educación pública. É o modelo das redes de escolas en bretón, Diwan; en catalán, Bressola; en occitano,  Calandreta; ou en éuscaro, Seaska. Será un terceiro modelo de educación en Francia nas chamadas "linguas rexionais", que se suma aos dous existentes: un en francés con materias sobre estas linguas e culturas, e outro bilingüe.

"Idioma da República"

O ministro francés de Educación, Jean-Michel Blanquer, foi o principal valedor de que a inmersión lingüística non fose incluída na norma, augurando "consecuencias en cadea". Durante o debate, sostivo que é contraria ao artigo 2 da Constitución, que sinala que "o francés é o idioma da República". 

A supresión deste punto da norma solicitado polo ministro foi rexeitada con 188 votos en contra e 111 votos a favor.

Outro punto novo e importante é o que obriga os municipios que non contan con escolas bilingües a contribuíren ás taxas de matrícula nas escolas concertadas que si a ofrecen.

Logo de a norma ser aprobada, Molac e outros deputados bretóns cantaron ás portas da Asemblea francesa o Bro gozh ma zadoù, o himno da Bretaña.

comentarios