O Parlamento británico rexeita o 'Brexit' de May, que hoxe afronta unha moción de censura

Foi a maior derrota dun goberno británico en Westminster: 432 votos en contra do acordo e 202 a favor. Inquietude en Bruxelas e Londres.

may

Víase vir desde hai semanas e finalmente chegou: a esmagadora derrota no Parlamento británico da proposta de 'Brexit' negociada por Theresa May e que non convenceu nin o seu propio bando. O acordo sobre a saída do Reino Unido da UE foi rexeitado por unha ampla maioria dos deputados e deputadas e, aliás, derivou nunha moción de censura á primeira ministra que se votará esta mesma cuarta feira. Unha volta de porca máis no sarillo en que desde hai tempo semella que se converteu o 'Brexit'.

Con 432 votos en contra e 202 a favor, o tratado xurídico negociado con Bruxelas foi desbotado pola cámara baixa de Westminster, nunha votación apontada por moitos como a máis importante da historia política británica da post-guerra e que foi a maior derrota de sempre dun Goberno no Parlamento do Reino Unido (230 votos de diferencia), superando largamente o fracaso do laborista Ramsay MacDonald, em 1924, por 166 votos.

O líder do Partido Laborista británico, Jeremy Corbyn, presentou á Cámara dos Comúns unha moción de censura sobre a primeira ministra. Durante a súa intervención no Parlamento, Corbyn cualificou de “catastrófico fracaso”o resultado da votación sobre o 'Brexit.

Após esa contundente derrota Theresa May dixo aos deputados que se sometería a unha votación sobre a súa continuidade nun prazo de 24 horas se a oposición así o requería, após o que Corbyn deu o paso e presentou a moción de censura. Porén, o laborista non ten asegurado o apoio necesario para derrotar a primeira ministra, o que pode acabar reforzando a May.

Comentarios