luns 25.05.2020

Parlamentares soberanistas urxen a pór fin á centralización de competencias

Recentralización, mando único español, falta de colaboración e de diálogo de España coas nacións, dar as costas á experiencia dos autogobernos que son os que mellor coñecen o terreo... Son algunhas das cuestións que onte saíron na palestra virtual que a Fundación Galiza Sempre organizou con parlamentares de Euskal Herria, Catalunya e a Galiza baixo o título "O soberanismo ante a COVID-19". 
 
A palestra moderouna Rubén Cela e contou con Marta Rosique, Mertxe Aizpurua, Néstor Rego, Laura Borrás e Albert Botran.
A palestra moderouna Rubén Cela e contou con Marta Rosique, Mertxe Aizpurua, Néstor Rego, Laura Borrás e Albert Botran.

Representantes no Congreso de formacións asinantes da autodeterminista Declaración de Llotja de Mar analizaron na quinta feira, 14 de maio, a realidade actual e retos de futuro das nacións fronte á ameaza recentralizadora e fronte á crise sanitaria e económica.

No debate participaron os deputados Néstor Rego, do Bloque Nacionalista Galego; Mertxe Aizpurua, de EH Bildu; Marta Rosique, parlamentaria de Esquerra Republicana de Catalunya; Laura Borrás, de Junts per Catalunya e Albert Botran, da Candidatura d'Unitat Popular. 

"A nova normalidade non pode ser a mesma que a de antes", dixo Néstor Rego na palestra. O deputado galego criticou a falta de diálogo do Estado e a súa vontade centralizadora. "Desde o inicio da crise o BNG expresou críticas á xestión, mais tamén formulou propostas de maneira permanente que, infelizmente, non foron atendidas na maioría dos casos", lamentou o nacionalista.

Rego sinalou que moitas das primeiras decisións tomadas polo Estado no ámbito sanitario non responderon a criterios de saúde senón a ideolóxicos, como o feito, de non fechar Madrid e permitir que o virus se estendese. Coa decisión de centralizar, a mensaxe que enviou o Executivo español foi, para Rego, que as comunidades autónomas "son prescindíbeis". Porén, "evidenciouse a ineficacia do Estado para resolver cuestións prácticas como supuxo o feito de centralizar a dirección da pandemia nun ministerio como o de Sanidade, que non ten experiencia", sostivo Rego. "Isto provocou erros, tardanzas...". 

Laura Borrás, de Junts, explicou que o nacionalismo é necesario porque as Administracións que mellor poden responder a situacións problemáticas son aquelas que teñen a capacidade de exercer as competencias. "En Catalunya houbo un foco de contaxio moi grave na zona de Igualada e procedemos ao confinamento dese territorio. Fixemos así uso das nosas competencias e reclamamos as que non tiñamos, pedindo o feche de portos e aeroportos", sinalou Borrás, que lamentou que o Goberno español non permitise á Generalitat fechar eses accesos e blindar Catalunya.

"Cando hai unha crise, se tes as ferramentas para afrontala, tes maiores posibilidades de servir á xente", dixo. Para a republicana Marta Rosique a resposta do estado español consistiu en "centralizar, afogar as clases traballadoras, militarizar e tomar unha actitude autoritaria", unhas medidas que resumiu como "a esencia do réxime do 78". 

"A crise pon de relevo cuestións estruturais e de relacións de poder: desaparece a falsa ilusión do Estado español como o máis descentralizado do mundo en canto se ve en apuros e fai desaparecer dun só golpe as competencias", denunciou o deputado da CUP, Albert Botran. O catalán alertou ademais dun crecente "autoritarismo e abuso policial que non é anecdótico". 

Sobre o papel da Unión Europea detívose a deputada de Bildu, Mertxe Aizpurua, sinalando a necesidade de tecer alianzas para construír outra Europa e apuntou a contradición de que Escocia si puido exercer o dereito a decidir mais no Estado español fica prohibido. "Hai que blindar o dereito dos pobos a decidir o seu futuro", dixo.

Nese sentido Rego reivindicou que a Unión Europea non serve, como "evidenciou a súa incapacidade de amosar a máis mínima empatía" cos países afectados polo virus. O deputado pediu unha Europa dos pobos e dos dereitos. 

Protexer as traballadoras 

As participantes coincidiron en criticar que a crise está a supor unha desprotección da clase traballadora. A deputada de ERC demandou impostos para as grandes fortunas e prohibir o despedimento, cuestións que bota en falta dun Goberno que se chama "progresista", mais que lamentou ver que non actúa como tal.

Nese sentido tamén se pronunciou Rego, sinalando que en lugar de impedir que se despedisen traballadoras o que fixo foi brindar a oportunidade do despedimento pola vía improcedente e optar polos ERTE.

comentarios