O Parlament desobedece o TC e aproba a vía unilateral á independencia

JxS e CUP votaron a favor do proceso constituínte catalán mentres que CQSP se posicionaba en contra, PSOE decidía non votar e PP e CS abandonaban a Cámara. Rajoy apresurouse a anunciar que levaría a decisión ao Constitucional.

parlament catalunya

O Parlament de Catalunya aprobou esta cuarta feira dar luz verde a iniciar un proceso constituínte catalán e encetar a “desconexión con España” no camiño unilateral cara a independencia. Unha decisión que se adoptou cos votos a favor de Junts pel Si e a CUP e os únicos votos en contra de Catalunya Si Que Es Pot (CSQP). O PSC negouse a votar esta cuestión e PP e Ciudadanos abandonaron a Cámara. O goberno español non perdeu un segundo e xa anunciou que levaría a decisión do Parlament ao Tribunal Constitucional. Non semella que iso preocupe moito a JxS e CUP, que votaron en conciencia as conclusións da Comisión do 'Procés Constituent' desobedecendo anteriores resolucións do TC. A deputada da CUP Gabriela Serra xa afirmou que “non temos medo”.Na mesma liña, Neus Munté (conselleira de Presidencia) advertiu que “non toleraremos ameazas”.

A votación nesta cuarta feira supón, segundo o Tribunal Constitucional, un delito de desobediencia, tal e como ditou na resolución que anulaba a declaración independentista do 9 de novembro. Non houbo medo en JxS e a CUP, que solicitaron á presidenta do Parlament, Carme Forcarell, que alterarse a Orde do Día para debater as conclusións da comisión do proceso constituínte.

Non sen debate subido de tono, o pleno aprobou debater as conclusións por 72 votos a favor (o independentismo) e 52 en contra. Unha vez presentadas e debatidas as conclusións, o informe foi aprobado por 72 votos a favor (JxS e CUP) e 11 en contra (Catalunya si que es Pot). PSC decidiu non votar e PP e CS abandonaron o hemiciclo.

“CSQP, moita cagalera”

Jordi Turull, portavoz do JxS, argumentou que votaban estas conclusións por se “deber ao pobo de Catalunya”. Turull foi moi crítico co voto contratio de CSQP: “Moito puño erguido, moita camisola, moita pancarta, mais á hora da verdade, moita cagalera!”

Anna Gabriel (CUP) defendeu que no Parlamento, coa decisión da desconexión, “estase a construír democracia” e criticou a CSQP pola súa decisión, acusándoos de “se escudar na legalidade imposta, herdeira da ditadura franquista”.

Joan Coscubiela, de CSQP, acusou os independentistas de impulsar “un proceso dirixista” e cualificou o vivido na Cámara de “estafa política”. Coscubiela cargou contra a CUP acusándoa de procurar unha “coartada” para apoiar o president Carles Puigdemont na cuestión de confianza do 28 de setembro. Voces significativas da CUP, como David Fernández ou Quim Arrufat, responderon nas redes sociais reproducindo un dos puntos do programa de CSQP no que se falaba dun proceso constituínte propio para Catalunya, fundamentado na soberanía do pobo catalán e non subordinado a ningún outro. Arrufat mesmo cualificou a Coscubiela de “coche vasoira do rexime do 78”. 

Comentarios