Pacto JxSí-CUP

O Parlament aproba os orzamentos do referendo contra o ditame dos letrados da cámara

As contas inclúen unha partida para a realización dun referendo de autodeterminación. Foron aprobadas cos votos de JxSí e a CUP. Os letrados e o secretario xeral do Parlament advertiron por escrito que os orzamentos ignoran as resolucións do Tribunal Constitucional.

Orzamentos. Referendo. Pleno Parlament Catalunya. Puigdemont. Junqueras
photo_camera Orzamentos. Referendo. Pleno Parlament Catalunya. Puigdemont. Junqueras

Novo paso adiante do soberanismo catalán rumo á realización en 2017 dun referendo de autodeterminación. Unha emenda ás contas pactada por JxSí e a CUP garante a disponibilidade nos orzamentos dunha partida para a realización da consulta. "O Govern, dentro das disponibilidades orzamentais para 2017, ha de habilitar as partidas para garantir os recursos necesarios en materia de organización e xestión para facer fronte ao proceso refrendario sobre o futuro político de Catalunya", reza o texto acordado polas formacións soberanistas,

PP, PSC e Cs optaron por non votaren en ningún sentido -nen sequer en contra- a emenda, que recebeu a abstención de Catalunya sí que es Pot, a coligazón formada por Podemos, ICV e Esquerra Unida i Alternativa.

O Parlament aprobou aínda unha emenda da propia Catalunya sí que es Pot para dotar os orzamentos dunha partida que iría financiar o referendo no caso -moi improbábel, por non dicermos políticamente imposíbel- de que finalmente Madrid e Barcelona chegasen a un pacto que viabilizase a realización da consulta.

Isto cría unha contradición nas contas, ao ser aprobadas dúas emendas que non se poden materializar á vez -a que prevé un referendo unilateral e a que prevé unha consulta pactada. É evidente que a única que ten posibilidades de se executar é a primeira.

Todo o debate orzamental estivo condicionado por un ditame xurídico emitido polos letrados e o secretario xeral da cámara catalá en que se advertía sobre a inconstitucionalidade da disposición adicional número 31 das contas, precisamente a que prevé a realización do referendo.

Tamén o Consello de Garantías Estatutarias -unha sorte de TC catalán- se ten pronunciado no mesmo sentido de considerar que a inclusión dunha partida orzamental para realizar o referendo situaría as contas catalás fóra da legalidade.

A oposición unionista non desaproveitou a oportunidade e apelou ao ditame dos letrados para demandar primeiro unha reunión "urxente" da mesa e para reclamar a seguir unha reunión urxente da xunta de portavoces para analisar o escrito dos xuristas antes de dar continuidade á tramitación dos orzamentos.

O seu intento de boicote foi freado pola presidenta da Cámara, Carme Forcadell, quen se negou a reunir a Mesa co argumento de que o Pleno xa é en si propio o "órgao supremo" do Parlament. Destarte, as contas foron aprobadas co voto favorábel das forzas soberanistas. 

A próxima estación, o Tribunal Constitucional. PP, PSC e Cs xa teñen anunciado que apresentarán recurso de inconstitucionalidade contra as contas. O ditame dos xuristas e do Consello de Garantías Estatutarias vailles facilitar moito o seu labor.

Comentarios