Blindaxe ante a protesta paneuropea de camioneiros ao estilo Canadá

Bruxelas e París prohiben a manifestación contra as políticas de vacinación prevista para a segunda feira.
canada_bloqueo_xan2022_diaspora
photo_camera Camións polas rúas de Ottawa, a capital canadense, na pasada segunda feira. Na véspera, o Goberno decretou o estado de emerxencia (Foto: Diáspora_ES / Twitter)

O alcalde de Bruxelas, Philippe Close, anunciou esta quinta feira a través do Twitter a prohibición do chamado "Convoi da Liberdade europeo", unha protesta de camioneiros contra as restricións pola Covid-19 inspirada na que se está a desenvolver no Canadá desde hai máis de dúas semanas. 

O Goberno canadense do primeiro ministro Justin Trudeau impuxo o 15 de xaneiro a vacinación obrigatoria aos camioneiros do país que cruzan a fronteira con Estados Unidos. Ademais, os choferes  estranxeiros non inoculados contra a doenza teñen prohibida a entrada ao Canadá.

Close explicou que o Ministerio do Interior belga e o presidente da rexión de Bruxelas tomaran conxuntamente a decisión de vetar a entrada dos vehículos á capital da UE, prevista para a segunda feira, dado que "non fora enviada unha petición" para manifestarse.

A decisión chegou pouco despois de que, tamén nesta quinta feira, a Policía de París tomase a mesma medida. "Debido ao risco de desordes públicas que esta concentración podería causar, a Xefatura de Policía ordenou prohibir as manifestacións" desde esta sexta até a segunda feira, informou nun comunicado. O incumprimento podería carrexar multas de até dous anos de cárcere e 4.500 euros de multa, ou seis anos e 7.500 euros no caso dos organizadores. 

Convois de camións de toda Francia tiñan previsto chegar esta sexta feira a París e, posteriormente, dirixirse a Bruxelas con vehículos procedentes de toda Europa. Varias canles de Telegram foron o medio nos últimos días para coordinar esta protesta paneuropea. 

Dano económico

No Canadá, o bloqueo da capital, Ottawa, desde finais de xaneiro foi seguido esta semana polo corte da Ponte Ambassador, unha arteria de comunicación vital cos EUA, usada polos fabricantes de coches de Detroit e os produtores agroalimentarios. Máis de dous terzos dos 450.000 millóns de euros que xera o comercio de bens entre os dous países faise por estrada, e 25% do total por esta ponte.

O Goberno canadense considera que o bloqueo é "ilegal" e "supón un grave perigo para a economía", recolleu a TV pública, CBC. Tamén o Executivo estadounidense declarou que "representa un risco para a cadea de subministración", informaron os medios locais.

Extrema dereita

A protesta, tal e como acontecera no pasado con outras en contra das restricións gobernamentais pola Covid, está a ser aproveitada por formacións e figuras da extrema dereita política. En declaracións á revista de análise Politico, Ciaran O'Connor, analista do Instituto para o Diálogo Estratéxico, organización especializada no extremismo en redes, sinalou que "o movemento está alimentado pola conspiranoia e impulsado por unha descarada desinformación".

A Policía de Ottawa ─que instou na quinta feira os camioneiros a abandonar "de inmediato" estas actividades "ilegais" ou asumir as consecuencias ─ dixo que están "altamente organizados, ben financiados e extremadamente comprometidos a resistiren as tentativas de acabar coa protesta de forma pacífica".

O ex presidente de EUA Donald Trump, nun comunicado, apoiou os camioneiros: "O Convoi da Liberdade é unha protesta pacífica contra as severas políticas do lunático ultraesquerdista Justin Trudeau, que destruíu o Canadá coas súas toleiráns normas Covid". 

Centos de detidos en Nova Zelandia nunha mobilización similar

Tamén en Nova Zelandia callou a protesta ao estilo canadense. A capital, Wellington, está totalmente bloqueada desde a terza feira con coches, furgonetas e autocaravanas, até o punto de que os residentes manifestaron o seu apoio nas rúas aos gardas de tráfico, que comezaron a pór multas de tráfico aos centos de vehículos mal estacionados que impiden a circulación. Ademais, segundo informou 'The New Zealand Herald', a Policía detivo onte máis de 120 persoas no marco dunha protesta fronte ao Parlamento contra a vacinación obrigatoria da Covid-19. Con todo, a poboación que avoga por un achegamento máis libertario á vacinación ou, simplemente, non cre nos datos científicos sobre a eficacia das vacinas é minoritaria: 95% dos neozelandeses maiores de 11 anos ten a pauta completa.

Comentarios