luns 01/03/21

París asesta un novo golpe á lingua corsa na educación

O francés pasará a ter un coeficiente maior a partir do ano vindeiro, dentro das reformas levadas a cabo polo Goberno Macron.
Michel_Luccioni
Membros da comunidade educativa, na segunda feira en Aiacciu (Foto: Michel Luccioni)

Sindicatos, organizacións de nais e pais e partidos políticos de Córsega emitiron nas últimas horas un comunicado conxunto en resposta ao decreto do Ministerio de Educación Nacional ─o departamento do Goberno francés que ten as competencias educativas en todo o territorio baixo soberanía gala─ que premia o coñecemento da lingua francesa por riba da corsa no eido do ensino secundario. Na segunda feira, o colectivo ofreceu unha conferencia de prensa onde anunciaron mobilizacións e a implicación de todas as capas da sociedade da illa. 

Consideran este "ataque" o último dunha serie de "agresións e retrocesos" contra as linguas minorizadas diferentes ao francés, segundo palabras de Ghjiseppu Turchini, presidente da Asociación de Profesores de Lingua e Cultura Corsas (Ailcc).

E está enmarcado na polémica reforma do bacharelato do Goberno de Emmanuel Macron que asociacións de todo o Estado cualifican de "lingüicida". 

En concreto, a última decisión chegada desde París inverte o sistema de cualificación no Capes (o certificado de aptitude para o profesorado de secundaria) en diversas materias, incluída a lingua corsa. Por exemplo, se até agora o coeficiente era de 7 para a lingua corsa e 4 para a francesa, a partir do próximo ano 2022 muda a 4 para o corso e 8 para o francés.

Avance paseniño

Desde a comunidade educativa corsa lamentouse que esta medida chegue xusto cando comezaba a haber avances na normalización da lingua propia no ensino. Segundo datos de France Info, 47 estudantes de secundaria elixiran a especialidade de lingua e cultura corsas en 2019 e 144 como segunda lingua. Uns 11.000 alumnos de primaria (47%) están matriculados na opción bilingüe. Até 56% das escolas infantís son bilingües, e hai un total de cinco de inmersión en corso.

En declaracións a Alta Frequenza, Saveriu Luciani, o equivalente en Córsega ao secretario xeral de Política Lingüística, falou de "declive".

"Estamos nun proceso que vai en contra do que asinamos co Estado en 2016 sobre a normalización da lingua corsa", sinalou, e engadiu que "o noso desexo é que o Capes fique como estaba até agora", ademais de criticar que a decisión fose tomada sen consultar con autoridades e universidade.

comentarios