París, en alerta máxima, con niveis que Madrid xa superou

París, en alerta máxima, ordena o fechamento de bares e ximnasios e limita os grupos nas rúas, ao rexistrar unha incidencia acumulada de 250 contaxios por cada 100.000 habitantes nos últimos 7 días. En Madrid o pasado 2 de outubro entraron en vigor medidas menos restritivas cun nivel de contaxios moito maior. 
Acceso a un tren en Madrid no
primeiro día laborábel desde que entraron as restricións (Imaxe: Eduardo Parra)
photo_camera Acceso a un tren en Madrid no primeiro día laborábel desde que entraron as restricións (Imaxe: Eduardo Parra)

Bares, ximnasios e piscinas de París permanecerán fechados desde aterza feira, 6 de outubro, e durante as vindeiras dúas semanas para tentar conter o avance do coronavirus. As capacidades de aulas, anfiteatros e resto de espazos comúns universitarios redúcense á metade e os grupos na rúa non poden superar as 10 persoas.

Estas e outras medidas foron anunciadas nesta segunda feira, 5 de outubro, polas autoridades francesas, que previamente -o domingo- xa decretaran o paso da capital á alerta máxima.

Francia asume estas restricións ao entender "inasumíbel" o nivel de infectados rexistrados, con "3.500 novos casos diarios" e unha taxa de incidencia que xa é superior "aos 200 contaxios por cada 100.000 habitantes", tal e como explicou o director xeral da axencia rexional de Saúde, Aurélien Rousseau. 

No exemplo oposto atópase Madrid, onde as restricións se puxeron en marcha na noite do 2 de outubro, cando a comunidade dirixida por Isabel Díaz Ayuso contaba xa con 10 concellos con máis de 100.000 residentes onde a incidencia acumulada superaba os 500 casos por cada 100 mil habitantes nos últimos 14 días. Unha cifra moi por riba da incidencia de París (260 contaxios por 100.000 persoas ao longo dos últimos 7 días, un nivel que Madrid xa superou o 8 de setembro). 

Fechan León e Palencia

As restricións no movemento tamén afectarán desde hoxe os municipios de León e Palencia, inicialmente por un período de 14 días. Así o sinalou a conselleira de Sanidade de Castela e León, Verónica Casado, precisando que as medidas afectan ás entradas e saídas de ambos os municipios. A incidencia en León elévase a 510,45 casos por 100 mil habitantes e a de Palencia a  536,71. 

A conselleira leva desde setembro pedindo o control da mobilidade sobre Madrid para non chegar a este punto, dada a proximidade coa capital. "A mobilidade preocúpanos moito. Na primeira onda fecháronse colexios e universidades en Madrid, mais non se fechou a mobilidade e houbo unha diseminación importante do virus. Os puntos de entrada e saída son os máis perigosos", dixo a conselleira. 

A OMS estima que 10% da poboación mundial se contaxiou

A Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que aproximadamente 10% da poboación do planeta se contaxiou coa Covid-19, unha porcentaxe moito maior aos 35 millóns de persoas que os servizos de saúde dos Estados notificaron até esta segunda feira, 5 de outubro.

O xefe de operacións de emerxencia da OMS, Mike Ryan, aclarou que "a pandemia seguirá evolucionando" pero que agora "tamén sabemos que temos as ferramentas que funcionan para suprimir a transmisión e salvar vidas". Ao seu xuízo, o futuro depende das accións colectivas e de como se usen as ferramentas de prevención do contaxio. "Todos os nosos esforzos colectivos durante os últimos nove meses e o coñecemento que adquirimos sobre este virus mostran que colectivamente estamos nunha posición moito máis forte", engadiu Ryan.

Comentarios