Unha parella citada a declarar na Bretaña por poñer un nome bretón á súa filla

A fiscalía francesa considera que o nome Liam, co que os proxenitores rexistraron a crianza, vai contra os propios dereitos e intereses da crianza.

Morbidahn breizh bretaña
photo_camera Mor-Bihan

Máis unha vez, pais e nais bretóns que elixen poñer un nome en bretón á súa crianza acaban perante a xustiza. Aconteceu con Fañch e con Der’Hen e vén de pasar agora con Liam, no condado de Mor-Bihan. A parella que escolleu este nome para a súa filla vén de ser citada a declarar.

Segundo a fiscalía francesa, Liam é un “nome que vai contra os intereses da crianza”, argumentando que leva a confusión de xénero. Pon exemplos como o de Liam Gallagher, o que fora cantante de Oasis, ou o actor Liam Neeson. O primeiro fillo de irlandeses e o segundo irlandés el propio. Liam é un nome masculino tradicional en Irlanda mais en Bretón Liam non está ligado a xénero ingún.

A crianza naceu o pasado mes de novembro. A fiscalía pide ao xuíz que proceda" á supresión deste nome nos rexistros do estado civil" e que lle atribúa "ao neno outro nome elixido polos pais e, no seu defecto, polo xuíz".

Desde diferentes colectivos e asociacións na defensa da cultura e lingua bretoa xa amosaron o seu malestar e protesta por esta medida da fiscalía, que enmarcan na falla de dereitos e recoñecemento para o idioma propio da Bretaña, que poden falar entre 180.000 e 250.000 persoas.

Comentarios