Paralizaranse os despexos de persoas vulnerábeis

Até 1.383 despexos se produciron entre o 14 de marzo e o 14 de xuño no Estado español, segundo os datos de setembro do Consello Xeral do Poder Xudicial. Pese a que o Goberno estatal repetiu que paralizara os desafiuzamentos, o certo é que a medida do Executivo non inclúe as persoas que xa eran vulnerábeis con anterioridade ao impacto da Covid-19.
Mobilización de Stop Desafiuzamentos en Badalona (Catalunya), en setembro. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
photo_camera Mobilización de Stop Desafiuzamentos en Badalona (Catalunya), en setembro. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)

Nos próximos días o Goberno español presentará "medidas para evitar os desafiuzamentos sen alternativa habitacional" de persoas vulnerábeis, unha medida que segundo anunciou o vicepresidente segundo do Executivo e líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, podería estenderse até a fin do estado de alarma, o 9 de maio.

Así o anunciou na súa comparecencia hoxe no Senado, onde recoñeceu que se están a realizar despexos durante esta segunda onda da pandemia porque o actual decreto "non ten a capacidade de frealos" todos.  

Non estaban prohibidos

Pese a que o Executivo reiterou que os desafiuzamentos estaban paralizados no Estado, o que se aprobou o pasado 31 de marzo no Consello de Ministras e Ministros foi unha resolución de conxelación dos despexos no caso de que as persoas afectadas fosen consideradas vulnerábeis a consecuencia do impacto da Covid-19.

O Executivo sinalou daquela como vulnerábeis polos efectos da crise persoas afectadas por expedientes de regularización de emprego temporal (ERTE) ou no desemprego por mor das consecuencias da Covid-19 ou profesionais por conta propia que visen fortemente reducidos os seus ingresos.

O pasado mes de setembro a medida chegaba á súa fin e o Executivo ampliou até 31 de xaneiro tanto a prohibición de despexos nos citados casos como a prohibición de subas "abusivas" de vivenda. 

A sinatura de Unidas Podemos xunto á de Euskal Herria Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya nunha emenda aos propios orzamentos que a formación morada elaborou e aprobou no Consello de Ministras co PSOE xerou gran tensión no seo do Goberno e do Partido Socialista.

Precisamente a emenda aos orzamentos promovía suspender os desafiuzamentos sen alternativa habitacional até o 31 de decembro de 2022, é dicir, alén do estado de alarma, á espera da entrada en vigor da nova lei de vivenda, afirmando que non é coherente pedir á cidadanía que fique na casa e ao mesmo tempo que persoas vulnerábeis xa antes da pandemia sexan expulsadas dos seus fogares. 
 

Comentarios