Parálise na formación de goberno en Irlanda do Norte: unionismo non quer nin gaélico nin matrimonio gay

Seis meses despois da demisión de Martin McGuinness, que obrigou convocar eleccións nos seis condados de Irlanda baixo soberanía británica, o territorio segue sen goberno e xestionado desde Londres. 

Irlanda gaélico rith
photo_camera Imaxed unha mobilización a favor do gaélico.

As eleccións do pasado 5 de maio en Irlanda do Norte deixaron un suor frío no unionismo e un sabor amargo no padal de Londres. O unionismo gañara os comicios, si, cun DUP que lograra 28 dos 108 escanos da Asemblea. Mais perdía o poder de veto que posuía e vía como o Sinn Féin ficaba a apenas 1.300 votos de ser primeira forza nos seis condados. Os republicanos irlandeses atinxiran 27 asentos. Pasado o día das eleccións, comezou a contar o tempo para formar goberno nun prazo de 15 días. En virtude dos acordos de paz de 1998 o goberno debe estar composto por unha formación de cada comunidade: protestante e católica. Así que todos sabían que o executivo de coligazón tería que pasar outra vez polo DUP /Sinn Féin. Porén, case tres meses despois, non hai goberno nin se albisca.

Dous son os temas sobre a mesa que o Sinn Féin pon como imprescindíbeis para que haxa acordo e que o unionismo non está disposto a aceptar. Un fai referencia ao gaélico, outro ao matrimonio entre persoas do mesmo sexo. O DUP propuxo aos nacionalistas irlandeses aprobar unha lei que sitúa o irlandés canda cuestións como as tradicións oranxistas, o que para o SF é humillante. Os defensores do gaélico queren unha lei que recoñeza esta lingua e garanta dereitos para os seus falantes e para poder estudalo con garantías.

No que atinxe ao matrimonio homosexual, non deixa de ser curioso como na comunidade ‘católica’ norirlandesa estanse a superar prexuízos – que non se superan á mesma velocidade noutras cuestións como o aborto- mentres na ‘protestante’ o tema xera unha gran hostilidade. DUP e as outras formacións unionistas representadas na Asemblea non queren nin ouvir falar do tema.

Mentres, Sinn Féin ten o apoio nestas dúas cuestións de formacións como o nacionalista SDLP (12 escanos) e Alianza (8 deputados). O secretario de Estado británico para Irlanda do Norte, James Brokenshire, afirmaba recentemente que estaban a considerar “unha serie de opcións” para dar pulo á formación do goberno norirlandés embora non desvelar ningunha delas

Comentarios