Mentres continúan os recortes na Arxentina

O papa rexeita unha doazón de Macri por valor de 1 millón de euros

Cando se fan seis meses de xestión de Mauricio Macri á fronte da Arxentina, o país sofre unha queda da produción e do consumo; un incremento de case o 600% das tarifas dos servizos básicos e uns 140.000 despedimentos. Estes recortes contrastan coa doazón que pretendeu facerlle ao papa de 1,07 millóns de euros, unha doazón que foi rexeitada.

O papa, con Macri
photo_camera [Imaxe: Flickr] O papa, con Macri

O papa Francisco vén de ordenar a devolución dos 16.666.000 pesos –uns 1,07 millóns de euros- doados polo Goberno de Mauricio Macri á fundación pontificia Scholas Ocurrentes, segundo publica o diario arxentino La Nación.

“O Goberno arxentino ten que acudir a tantas necesidades do pobo, que a Igrexa non ten dereito a pedirlle un centavo”, recolleu o pontífice nunha carta con data de 9 de xuño após se decatar da doazón, que foi publicada no Boletín Oficial do 30 de maio.

A doazón de 1,07 millóns de euros ten lugar cando se fai medio ano de Goberno arxentino. O balanzo destes seis meses apunta a 141.000 despedimentos, 61.096 no sector público e 80.446 no privado, segundo estudos de cámaras empresariais e sindicatos. Aliás, en comparación co ano pasado as vendas caeron un 9,2% a respeito do mesmo período de 2015.

Pola outra banda, incrementáronse as tarifas dos servizos básicos. Tomando como referencia a área  metropolitana de Buenos Aires, o prezo da electricidade residencial aumentou un 355,9%, a electricidade non residencial, un 588,4%; o gas residencial subiu un 194,4% e o non residencial un 594,4%; o prezo do transporte subiu un 100% e a auga, un 220%.

Comentarios