A pandemia restrinxe as homenaxes no 25º cabodano da matanza de Srebrenica

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, lembrou as palabras do seu antecesor no cargo Kofi Annan: o fracaso das forzas de paz "perseguirá a nosa historia para sempre"
Srebrenica_massacre_memorial_gravestones_2009_1_wikipedia
photo_camera Lápidas sobre as máis de 6.500 tumbas no memorial en Srebrenica (Nós Diario)

Os eventos previstos para este sábado, 11 de xullo, día que marca o 25º cabodano do inicio do masacre de máis de 8.000 varóns bosníacos ─musulmáns de Bosnia e Hercegovina– por parte de tropas serbobosnias ─serbios de Bosnia e Hercegovina─ tiveron que ser restrinxidos por causa da pandemia de coronavirus. Por exemplo, a Marcha pola Paz ─que se organiza anualmente e que este ano prevíase masiva─ tivo que ser limitada no número de asistentes, segundo informou Balkan Insight.

Si que se mantén o funeral programado tamén para este sábado de oito vítimas da matanza de Srebrenica que foron identificadas ao longo do último ano, segundo o Instituto Bosnio de Persoas Desaparecidas. 

A respecto da conmemoración, o secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, cualificou o xenocidio de hai 25 anos como "o máis atroz crime" perpetrado en Europa desde a Segunda Guerra Mundial, e instou a continuar traballando para conseguir unha "reconciliación xenuina".

Srebrenica é unha cidade e municipio ao leste de Bosnia e Hercegovina. Pertence á entidade República Serbia, unha das dúas, canda a Federación de Bosnia, que conviven no país. A Republika Srpska (en serbio latinizado) foi recoñecida formalmente tras os Acordos de Dayton que puxeron fin á guerra de Bosnia-Hercegovina (1992-1995), aínda que xa existía desde xaneiro de 1992.

O 11 de xullo de 1995, o Exército serbobosnio liderado polo xeneral Ratko Mladic tomou o enclave, que era unha das nove áreas seguras que a ONU estabelecera na zona durante a guerra. Nos días posteriores produciuse a matanza. E os cascos azuis, dos Países Baixos, alí presentes non foron quen de o impedir.

47 persoas condenadas

"25 anos despois rendemos homenaxe ás miles de persoas brutalmente asasinadas e comprometémonos a non as esquecer nunca", dixo Guterres nunha breve mensaxe de vídeo. 

Como xa fixeran os seus predecesores no cargo, Guterres recoñeceu que "hai un cuarto de século as Nacións Unidas e a comunidade internacional fallaron ao pobo de Srebrenica" e lembrou as palabras do ex secretario xeral da ONU Kofi Annan, que dixo que o fracaso das forzas de paz "perseguirá a nosa historia para sempre".

Até agora, a Corte Internacional de Xustiza e os tribunais dos Balcáns condenaron un total de 47 persoas a máis de 700 anos de cárcere, ademais de catro cadeas perpetuas, polos crimes de Srebrenica. A pandemia tamén reduciu os procesos xudiciais e adiou o recurso de Mladic.

Comentarios