A pandemia puxo fin a 128 meses de expansión económica nos EUA

É a primeira contracción desde o primeiro trimestre de 2014, e a maior desde o cuarto trimestre de 2008, en plena crise, cando o PIB caeu 8,4%. Ademais, a taxa de desemprego situouse en maio en 13,3%.
EuropaPress_3161860_dpatop_21_may_2020_us_ypsilanti_us_president_donald_trump_looks_through
photo_camera O presidente dos EUA, Donald Trump, nunha recente visita a unha fábrica de coches (Daniel Mears / TNS)

A economía dos Estados Unidos entrou oficialmente en recesión o pasado mes de febreiro, poñendo así fin a 128 meses consecutivos de expansión, o período máis extenso de crecemento do país de toda a serie histórica, que se remonta a 1854, segundo anunciou a Oficina Nacional de Investigación Económica (NBER, nas siglas en inglés).

"A magnitude sen precedentes da caída do emprego e da produción, así como o amplo alcance no conxunto da economía, xustifican a cualificación deste episodio como recesión, mesmo se resulta máis breve que contracións anteriores", sinalou o ente encargado de estudar a evolución dos ciclos económicos nos EUA.

O produto interior bruto (PIB) experimentou unha contracción de 5% no primeiro trimestre do ano, fronte ao crecemento de 2,1% do trimestre inmediatamente precedente, segundo os datos da Oficina de Análise Económica do Goberno (BEA, polas siglas en inglés).

É a primeira contracción desde o primeiro trimestre de 2014, e a maior desde o cuarto trimestre de 2008, en plena crise, cando o PIB caeu 8,4%. Ademais, a taxa de desemprego situouse en maio en 13,3% tras descender en case un punto e medio porcentual respecto do 14,7% de abril, mes en que a pandemia destruíu de vez 20,5 millóns de postos de traballo.

Protestas

Por outra banda, a respecto das protestas pola morte de George Floyd, o fiscal xeral dos EUA, William Barr, contradixo o presidente Donald Trump e asegurou que o Servizo Secreto fixera a recomendación de que o pasado 29 de maio se refuxiase no búnker da Casa Branca. Trump dixera que só baixara para "inspeccionar" as instalacións.

Comentarios