A pandemia pode atrasar décadas os obxectivos da Axenda 2030, di a ONU

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, referiuse aos 265 millóns de persoas que sufrirán inseguridade alimentaria a finais deste ano, o dobre que antes da crise.
axenda2030_onu

O secretario xeral das Nacións Unidas, António Guterres, avisou de que a pandemia do coronavirus pode "atrasar anos, mesmo décadas" os avances nos obxectivos da Axenda 2030 de desenvolvemento sostíbel.

"Nun momento en que necesitamos desesperadamente ir cara a adiante, a Covid-19 pódenos atrasar anos, ata décadas, deixando aos países con retos fiscais masivos e crecentes. A crise afástanos aínda máis dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostíbel", sinalou.

No Foro Político de Alto Nivel que revisa os avances cara ás metas da Axenda 2030, Guterres afirmou que a Covid-19 ten efectos "devastadores" neste sentido debido aos fallos pasados e presentes. "Hoxe non lles vou dicir que todo está ben. Necesitamos ser honestos", dixo, á vez que criticou que moitos países aínda non toman en serio os obxectivos da Axenda 2030.

Guterres remarcou que o ano pasado o mundo xa se enfrontaba a grandes retos, como "os niveis inaceptábeis de pobreza, o avance do cambio climático, a persistente desigualdade por  sexo e o déficit de financiamento ao desenvolvemento". Este ano, ademais, súmase a pandemia.

Investir en servizos sociais

Lembrou a perda de 400 millóns de empregos no segundo trimestre de 2020, que se traducen na maior caída dos ingresos per cápita desde 1870, e referiuse aos 265 millóns de persoas que sufrirán inseguridade alimentaria a finais deste ano, o dobre que antes da crise.

Porén, recoñeceu que aínda se pode cambiar o rumbo desta situación investindo en saúde, resiliencia, educación, protección social e servizos básicos como auga potábel e saneamento.

Segundo Guterres, a sacudida que a crise está dando ao mundo pode ser unha oportunidade para instaurar un multilateralismo incluínte e efectivo.

Comentarios