A pandemia dispara as diverxencias na UE: A crise cébase coa periferia

A xestión da pandemia está a provocar un aumento das diverxencias entre o centro e a periferia da UE. O Tribunal de Contas Europeo advirte dos riscos da resposta e sinala que o 15% das empresas da zona euro están quebradas. Os economistas críticos coas políticas de Bruxelas non dubidan en sinalar que o peor está por chegar.
O sector do automóbil é un dos máis afectados pola actual crise. (Foto: Europa Press)
photo_camera O sector do automóbil é un dos máis afectados pola actual crise. (Foto: Europa Press)

O Tribunal de Contas Europeo cuestiona a eficacia dalgunhas das medidas adoptadas pola Comisión Europea para facer fronte ás derivas económicas da pandemia. Neste sentido, nun documento presentado en xaneiro de 2021, afirma que “os plans de axuda na súa importancia e contido reflicten a riqueza relativa dos Estados membros, pero non a medida en que lles afectou a crise” e avisa “sobre os riscos das diverxencias económicas e o aumento das desigualdades equitativas entre os Estados membros”. Así, o relatorio salienta que “as medidas de resposta dos Estados membros á crise salvaron empresas e postos de traballo, pero conducen inevitabelmente a un aumento das diverxencias e a unha restrición da converxencia económica nos próximos anos”.

Os auditores comunitarios dubidan da eficiencia da resposta estatal e comunitaria. A este respecto, o Tribunal de Contas Europeo considera que “non está garantido que estas medidas impulsen o crecemento sostíbel e aumenten a converxencia entre os Estados membros. A eficacia do apoio dependerá de forma crucial da maneira en que aborde o impacto real da crise e aumente a capacidade dos Estados membros de sustentar as súas propias economías e aplicar novas medidas de forma axeitada”. Ao tempo, analiza criticamente o impacto nas economías europeas das primeiras medidas adoptadas e advirte sobre os problemas do programa Next Generation, aprobado no Consello Europeo de xullo de 2020.

O Tribunal de Contas Europeo amósase moi preocupado pola situación económica da zona euro. Neste sentido, o seu recente informe recolle que “aproximadamente o 15% do total das empresas europeas son zombies” e arrastran unha mala situación financeira desde hai tempo, non derivada da situación provocada pola pandemia. Nesta liña, os economistas críticos consideran que o coronavirus veu agudizar as tendencias xa presentes na economía europea nos momentos anteriores á situación de emerxencia sanitaria. A este respecto, lembran que ao longo de 2019, determinados Estados, comezando por Alemaña, presentaron crecementos negativos e mesmo entraron en recesión técnica.

As lóxicas da resposta comunitaria á crise

O economista Daniel Albarracín entende que “a pandemia non só afonda na crise preexistente, senón que as medidas coas que se enfrontou poden conducir a intensificar a concentración de capital, impulsando as opacas e oligopólicas grandes tecnolóxicas, e a encerrar xeopoliticamente as economías ante a guerra comercial. Á súa vez, pode atar o mundo do traballo, ao forzalo a aceptar condicións laborais que aumentarían a taxa de explotación nun contexto de alto desemprego, extensión do teletraballo sen regulación garantista, e a continuidade das reformas laborais ou mesmo a incorporación de novas medidas lesivas en materia do dereito ao desemprego (mochila austríaca) e de pensións (atraso da idade de xubilación efectiva)”. 

“A crise económica, afondada pola pandemia, xerou un contexto moi grave de socialización de perdas, custos laborais e débedas privadas que foron parar ás costas do erario público. A interrupción do Pacto de Estabilidade é conxuntural”, continúa Albarracín, quen se amosa convencido de que “unha vez pase a crise sanitaria e acabe o período excepcional, o Pacto de Estabilidade e de Crecemento volverá ser de aplicación, retornado a Troika ou unha política equivalente”. Pola súa banda, o Tribunal de Contas Europeo dá por feito que nos próximos meses van aumentar as compañías en situación de quebra, a medida que os Estados poñan remate a algunhas das medidas excepcionais adoptadas.

A pandemia está golpeando de maneira desigual o tecido empresarial europeo. Ademais de que as capacidades económicas das zonas da periferia impiden unha resposta máis contundente fronte á crise, estas concentran os sectores da actividade máis afectados pola pandemia. Así, o informe do Tribunal de Contas Europeo afirma que “unha parte considerábel das compañías zombies localízase nos Estados do sur”, como consecuencia dunha especialización produtiva e dunha estrutura empresarial máis feble. Precisamente, as pemes son as grandes esquecidas dos grandes programas de axuda comunitaria, de maneira moi particular nas liñas do Next Generation, pensado para as grandes multinacionais.

A Comisión Europea está propondo aos Estados membros unha profunda reconversión en determinadas áreas da actividade económica, mais non formula alternativas no plano do emprego para recolocar as persoas que fiquen sen ocupación. Neste sentido, Albarracín entende que as propostas comunitarias “son precondicións para a recuperación da taxa de beneficio do capital, único obxectivo das clases dirixentes”.

Comentarios