A pandemia aumenta a fenda entre o centro e a periferia europea

O coronavirus acentúa as asimetrías na zona euro
Fábrica da Volkswagen en Dresde.
photo_camera Fábrica da Volkswagen en Dresde. (Foto: Nós Diario)

As diverxencias entre os Estados do centro e da periferia fan parte da xenética do proxecto europeo. O ciclo económico aberto após a crise de 2008 volve aumentar as asimetrías entre as áreas máis desenvolvidas e aqueloutras situadas nunha posición de atraso relativo, asentando as tendencias que se viñan manifestando desde a posta en marcha do proceso comunitario. Malia as constantes referencias á converxencia nos documentos e declaracións dos responsábeis europeos, a realidade vai por unha camiño diferente.

O comportamento das economías europeas ao longo de 2020 non deixa dúbida. Se no ciclo anterior as diverxencias entre o centro e a periferia europea se manifestan na prima de risco, a diferenza do tipo de interese da débeda pública con Alemaña, nesta ocasión as asimetrías exprésanse en termos de crecemento.

Mentres a caída do Produto Interior Bruto (PIB) nos tres países do norte é inferior a 5%, Finlandia (- 4%9), Dinamarca (- 4,5%) e Suecia (- 4,7%), nos Estados do sur é superior a 10%. Así, as estimacións do recente informe do Fondo Monetario Internacional (FMI) prevén un retroceso de 12,8% para Estado español, 10,6% para Italia e 10% para Portugal.

As razóns destas diferenzas debemos buscalas nas estruturas produtivas e na capacidade de resposta á situación. A especialización económica dos Estados da periferia europea, como consecuencia, fundamentalmente, do papel asignado na división internacional do traballo apunta ao sector servizos, cunha forte tendencia ao turismo e á hostalaría, o que os debilita nunha conxuntura como a actual.

Por outra banda, carecen da capacidade financeira dos Estados do centro para financiar os custos sociais e o golpe provocado pola pandemia na súa estrutura económica.

A balanza de pagos é o mellor termómetro para medir as asimetrías na zona euro. Mentres Alemaña (5,8%), Países Baixos (7,6%), Dinamarca (6,4%) ou Suecia (3,2%) manteñen uns sólidos superávits exteriores tamén en 2020, Grecia acumula un déficit equivalente de 7,7% do seu PIB e Portugal de 3,3%. A excepción nos Estados da periferia atopámola en Italia cun superávit por conta corrente próximo a 3% impulsado polo norte do país. O Estado español é posíbel que feche o ano con leves resultados positivos de 0,5%.

Porén, esta magnitude deixa claro o alcance dunha fenda que non deixa de medrar con especial incidencia na última década.

Comentarios