Panamá, a 30 anos da invasión dos EUA

A invasión de Panamá polo Exército dos EUA hai esta sexta feira, 20 de decembro, tres décadas deixou numerosas vítimas civís e varias interrogantes. O país conmemorou a data nunha xornada de Dó Nacional.
Panama_clashes_1989
photo_camera A vinculación do ditador Noriega co narcotráfico foi a escusa para a intervención, aínda que detrás se agochaban outros motivos [Wikimedia Commons]

O 20 de decembro de 1989, uns 25.000 soldados dos EUA entraron por terra, mar e aire a Panamá, nunha operación denominada Causa Xusta e que ─en principio─ tiña por obxectivo capturar o ditador Manuel Antonio Noriega. Tres décadas despois, o país centroamericano conmemorou a data con varios actos esta xornada, decretada por vez primeira de Dó Nacional polo Goberno.

A medida foi cualificada como un acto de xustiza histórica polo Comité de Familiares das Vítimas, nun primeiro paso ─desexaron─ para a súa oficialización por lei e para que os colexios recollan para as vindeiras xeracións este capítulo tráxico da historia de Panamá.

Na medianoite de aquel 20 de decembro de 1989 deu inicio a invasión. O daquela presidente, George H. W. Bush,  xustificouna en base a catro razóns: a protección das vidas dos cidadáns estadounidenses en Panamá; a restauración do sistema democrático; asegurar o bo funcionamento do canal, e a captura do Xeneral Noriega, acusado de vínculos co narcotráfico.

Noriega, colaborador da CIA e da DEA

Noriega, no poder desde 1983, pasou de ser colaborador da CIA e da DEA (axencia dos EUA contra o narcotráfico), a se converter en inimigo de Washington cando exixiu a retirada do país da Escola das Américas. Esta academia militar estadounidense é coñecida por formar desde 1946 notábeis asasinos e torturadores das ditaduras do continente ─entre estes, o propio Noriega─.

Mais entre os motivos detrás da invasión tamén estaba a estratexia dos EUA para acabar coas boas relacións entre Panamá e Xapón, interesado este último no financiamento da ampliación do canal (Noriega foi convidado a visitar Tokyo en 1986). O país nipón supoñía daquela ─como na actualidade, a China─ unha ameaza á súa hexemonía económica.

PanamaM-113JustCauseUS-Invasion

No proceso de demonización de Noriega participaron activamente os medios de comunicación, tal e como analizara ─entre outros─ o politólogo e lingüista Noam Chomsky no seu libro What Uncle Sam Really Wants (1992).

A invasión, tras unha serie de accións encubertas por parte da CIA, produciuse ademais nunha data que marcaba un antes e un despois na política internacional: coa disolución da URSS, os EUA inauguraron unha época en que puideron exercer o seu poder militar sen contrapeso ningún.

Descoñécese o número de vítimas

O presidente de Panamá desde o 1 de xullo, o socialdemócrata Laurentino Cortizo, decretou a xornada de onte Día de Dó Nacional "en conmemoración e recoñecemento ás vítimas da invasión militar do Exército dos EUA". Vítimas das que se descoñece con exactitude o número. 

A Igrexa Católica panameña,  sen contar as 23 baixas oficiais dos soldados estadounidenses, sitúa  a cifra en 655 (314 militares e 341 civís). O Instituto de Medicina Legal de Panamá rebáixao a 255 mortes e 93 desaparicións. Pola súa banda, o Comité Panameño de Dereitos Humanos contabiliza 556 mortes e 93 desaparicións, mentres que o Comité de Familiares das Vítimas elévao a uns 4.000.

As noticias da época falaban de entre 300 e 600 falecementos e a cifra oficial achegada polo Pentágono é de 514 civís e militares panameños mortos.

A intervención militar levou consigo o bombardeo de barrios como El Chorrillo, da Cidade de Panamá, a capital.

A Comisión 20 de Decembro, creada en 2016 para investigar os feitos ten prevista para xaneiro a exhumación dos restos de 14 persoas dunha foxa común.

Comentarios