Israel acepta as reivindicacións

Presas e presos palestinos poñen fin á greve de fame nos cárceres sionistas

Após 40 días, as presas e presos palestinos puxeron fin á greve de fame que encetaran no marco dun protesto realizado baixo o lema “Liberdade e Dignidade” e cuxo propósito pasaba pola mellora das condicións de reclusión.

[Imaxe: Palestina Libre] Protestos a favor das presas e presos palestinos
photo_camera [Imaxe: Palestina Libre] Protestos a favor das presas e presos palestinos

Esculca, o Observatorio para a Defensa dos Direitos e Liberdades, informa de que as presas e presos palestinos puxeron fin á greve de fame que mantiñan nos cárceres sionistas desde o 17 de abril.

Baixo o lema “Liberdade e Dignidade”, as presas e os presos reclamaban a mellora das condicións de reclusión e dar fin ás detencións administrativas por parte do goberno israelí. A representante da asociación Prisioneiros Palestinos, Isaa Qaraqe’a, informou a diversos medios de que Israel aceptou cumprir as demandas do colectivo.

O acordo, afirma Esculca, tería sido alcanzado após máis de 20 horas de negociacións co comité de greve, encabezado por Marwan Al Barghouthi, na cadea de Ashkelon.

“Aínda que inicialmente, os servizos prisionais de Israel rexeitaran negociar co líder palestino, acabaron por ceder, o que facilitou o acordo final”, sinala Esculca, quen engade que os detalles do acordo serán dados a coñecer proximamente.

Solidariedade desde Galiza

Nas últimas semanas producíronse actos de solidariedade na Galiza. Un deles foi a concentración diante do parlamento, onde as persoas mobilizadas levaron auga e sal, o único que inxerían as presas e os presos durante a greve.

Comentarios