Palestina poderá denunciar a Israel por crimes de guerra

Ingresa como membro oficial da Corte Penal Internacional pese as presións do estado israelita e do seu aliado USA para evitalo.

Palestina

 

A Corte Penal Internacional (CPI) formalizou o ingreso de Palestina como membro oficial. Un paso histórico que reforza o camiño do pobo palestino cara o pleno recoñecemento internacional e que lle permitirá denunciar a Israel por crimes de guerra cometidos durante a última gran ofensiva sionista, coñecida como ‘Bordo Protector’.

“O mundo está hoxe máis preto de rematar cunha longa era de impunidade e xustiza”, asegurou o ministro de Exteriores, Riad al Malki. Na cerimonia recibiu unha copa simbólica do Estatuto de Roma, texto fundacional da CPI, e que subscribira o Goberno palestino xunto a outros 15 tratados nos últimos meses.

A CPI rexeitou durante anos todos os intentos de levar ante a xustiza a Israel

O ingreso prodúcese despois dunha investigación iniciada en xaneiro ante os crimes cometidos nos territorios palestinos ocupados entre xullo e agosto de 2014. A operación ‘Bordo Protector’ deixou máis de 2.400 persoas mortas e 12.000 feridas polos bombardeos indiscriminados do Exército israelí.

"Unha xornada histórica"

Feitos que as autoridades palestinas poderán presentar agora perante a xustiza internacional, malia as fortes presións do estado hebreo e do seu aliado USA para evitalo. Durante anos, a CPI rexeitara todos os intentos de levar ante os tribunais aos mandatarios de Israel. 

Mais o recoñecemento de Palestina como Estado observador de Nacións Unidas en 2012, e a súa posterior adhesión ao Estatuto de Roma –que non foi ratificado por Israel nin por USA- abriulle a porta do alto tribunal internacional. "Unha xornada histórica na loita pola xustiza, a paz e a liberdade do noso pobo”, segundo afirmou o dirixente palestino Saeb Erekat.

 

Comentarios