Pfizer, AstraZeneca e Moderna recibiron 5.000 millóns de axudas públicos para as vacinas

Os países pobres poden ficar sen vacina até 2024

Os relatorios que están a discutir estes días no consello de dirección de Gavi non poden ser máis pesimistas. Segundo un destes documentos, difundido por Reuters, a entidade considera que as posibilidades de fracaso do programa Covax son moi altas e que os países pobres poden ficar sen vacina até 2024.
O prezo da dose da vacina de Pfizer ten un custo de 18,40 a 19,50. (Foto: Europa Press)
photo_camera O prezo da dose da vacina de Pfizer ten un custo de 18,40 a 19,50. (Foto: Europa Press)

Gavi, a alianza para a vacinación fundada en 2000 pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o Banco Mundial, a Unicef e diversas entidades filantrópicas realiza estes días un encontro para estudar a aplicación do programa Covax, o principal esquema global para garantir que os países empobrecidos teñan acceso ás vacinas contra o coronavirus.

A iniciativa pretende distribuír dous millóns de vacinas até final de 2021 co obxectivo de inmunizar o 20% da poboación máis vulnerábel en 91 Estados, de África, Asia e América Latina.

O proxecto Covax é de feito a única posibilidade de acceso á vacina contra a Covid-19 para os 69 países coas rendas máis baixas do mundo. Segundo sinala Gavi, os Estados máis ricos do planeta, onde se concentra 14% da poboación, xa teñen comprado en novembro 53% da produción mundial. Así, por exemplo, Canadá ten doses suficientes para vacinar cinco veces a cada canadense, mentres nacións como Mozambique ou Haiti só van poder atender a 10% da súa poboación.

Os problemas da distribución da vacina

A situación está a complicarse a medida que se achega o momento de proceder a vacinar as persoas. Un dos relatorios que discute o consello de dirección de Gavi, reunido entre 15 e 17 de decembro, sinala que “o risco de fracaso de Covax é maior” ao ser “deseñado de modo moi rápido e para un terreo descoñecido” e destaca que “poden deixar a poboación dos países máis pobres sen acceso a unha vacina contra a Covid-19 até 2024”. “O risco de fracaso para estabelecer unha distribución da medicación a través de Covas é moi elevado”, conclúe un dos documentos de traballo de Gavi.

A preocupación dos responsábeis de Gavi é partillada por outras entidades ou organizacións non gobernamentais. A este respecto, Anna Marriott, a encargada de políticas de saúde de Oxafam sinala que “agás que algo mude drasticamente, miles de millóns de persoas non van recibir un vacina segura e eficaz contra a Covid-19 nos próximos anos”.

“Ninguén debe ser impedido de recibir unha vacina que salve vidas por causa do país onde vida ou da cantidade de diñeiro que dispoña”, conclúe Marriott.

Os informes do consello de dirección de Gavi advirten dos principais riscos que afectan ao programa. Un deles está relacionado con algunhas cláusulas dos contratos de fornecemento de vacinas que permiten aos países rexeitar a compra das medicacións recomendadas por Covax no caso de preferir outros pero tamén da posición de dominio do mercado das empresas farmacéuticas.

Prezos moi elevados

Os relatorios destacan que a iniciativa global de vacinación está en risco no caso que os prezos das vacinas sexan superiores ao previsto, haxa atrasos na distribución ou os fondos adicionais non sexan conseguidos. Os plans de Covax recollen as vacinas máis baratas e non aquelas desenvolvidas por empresas como Pfizer ou Moderna que empregan tecnoloxías máis caras. Un dos documentos de Gavi sinala que os escenarios financeiros fixados por Covax estabelecen un custo medio para as vacinas de 5,20 dólares por dose, porén a vacina de Pfizer ten un custo de 18,40 a 19,50 dólares e a de Moderna entre 25 e 37 dólares.

Covax ten asinado até agora acordos non vinculantes con AstraZeneca, Novavax e Sanofi para a provisión de 400 millóns de doses, con opción de compra de miles de millóns de doses adicionais. Porén, as tres compañías enfrontan algúns problemas que están a  adiar nos ensaios clínicos, o que pode levar a eventuais atrasos na súa aprobación definitiva e que o seu emprego non sexa posíbel até a segunda metade de 2021 e mesmo até 2022.

A médica e consultora de Gavi Mohga Kamal Yanni lembra que o problema de base está “no sistema actual, en que as farmacéuticas usan fondos dos Gobernos para as súas investigacións mais reteñen dereitos exclusivos e manteñen a súa tecnoloxía en segredo para aumentar os beneficios”. Neste sentido, Gavi sinala que as vacinas de Pfizer, AstraZeneca e Moderna teñen recibido 5.000 millóns de dólares de axudas públicos para financiar os seus proxectos de vacinas contra a Covid-19.

As axencias internacionais tamén alertan do riscos do acaparamento. Sen ir máis lonxe, Estados Unidos, que non participa do programa Covax, ten asinado unha orde que obriga as súas farmacéuticas a garantir a cobertura do mercado estatal antes de enviar vacinas a outro países. “O acaparamento das vacinas prexudica activamente os esforzos globais para garantir que todos, en todos os lugares, poidan ser protexidos do coronavirus”, sinala  Steve Cockburn, responsábel de xustiza económica e social de Gavi.
 

Comentarios