Os países nórdicos deixan de administrar Moderna a menores de 30 anos

Finlandia é o último país en adoptar a medida polo risco de miocardite.
EuropaPress_3963126_25_september_2021_us_orlando_brooke_stroud_16-year-old_awaits_blood_testing
photo_camera Adolescente de 16 anos, nun recente test de Moderna nos EUA (Foto: Paul Hennessy / SOPA Images)

Finlandia anunciou esta quinta feira, 7 de outubro, que suspenderá a vacinación dos varóns menores de 30 anos coa vacina contra a Convid-19 de Moderna polo risco de inflamación cardíaca, sumándose así á decisión adoptada na véspera por Suecia e por Dinamarca.

O director do Instituto Nacional de Saúde e Benestar de Finlandia (THL), Mika Salminen, sinalou en conferencia de prensa que este fármaco un risco lixeiramente maior que outras vacinas de desenvolver miocardite, segundo un recente estudo elaborado nos países nórdicos.

"A maioría destas miocardites son leves e transitorias e cúranse por si mesmas  tras uns días de seguimento, mais no entanto existe un risco", dixo Salminen, que sinalou que este risco é maior nos varóns novos despois de recibiren a segunda dose.

Segundo Salminen, os resultados do estudo en Finlandia son similares aos do resto de países nórdicos, aínda que en Finlandia se produciron menos casos de miocardite que en Noruega.

A Axencia Finlandesa do Medicamento (Fimea) informou de que se detectaran até a data seis casos de inflamación cardíaca no país, onde se administraron arredor dun millón de vacinas da firma estadounidense Moderna.

Suecia

Suecia foi o primeiro país nórdico en anunciar a suspensión até o 1 de decembro para os menores de 30 anos ante o risco "moi pequeno" de sufrir miocardite e pericardite, de acordo co estudo.

"Seguimos a situación e actuamos axiña para que as vacinas sexan o máis seguras posíbeis e dean unha protección efectiva contra a Covid-19", sinalou nun comunicado o epidemiólogo xefe da Axencia de Saúde Pública sueca, Anders Tegnell.

Dinamarca

A Dirección Xeral de Sanidade danesa apelou á "precaución" para suspender o uso de Moderna nos menores de 18 anos, aínda que salientou que non se detectaran casos neste país.

"En Dinamarca convidouse preferentemente até agora a mocidade de 12 a 17 anos a recibir a vacina de Pfizer. Por un principio de precaución, a partir de agora só lles subministraremos este preparado", consta nun comunicado.

Noruega

Noruega xa usaba só Pfizer para todos os menores de idade, mais a partir de agora estenderá a recomendación a todos os menores de 30 anos.

Os datos provisionais do estudo foron enviados á Axencia Europea do Medicamento (EMA) para que sexan estudados.

Dinamarca xa fora o primeiro país en suspender do seu programa oficial a vacina de AstraZeneca, e despois a de Janssen, que non obstante se podían recibir de forma voluntaria; mentres que Noruega adoptou unha medida similar posteriormente. 

Comentarios