Os países emerxentes acollen 80% das persoas refuxiadas

O secretario xeral da ONU, António Guterres, pediu implicación á comunidade internacional na apertura do Foro Mundial sobre Persoas Refuxiadas, no que tamén participaron líderes como o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan.
erdogan-guterres
photo_camera O presidente turco, Erdogan, e o secretario xeral da ONU, Guterres, esta terza feira [Europa Press]

O secretario xeral da ONU, António Guterres, pediu esta terza feira, 17 de decembro, á comunidade internacional, reunida en Xenebra no primeiro Foro Mundial sobre Persoas Refuxiadas, que faga “moito máis para asumir a responsabilidade colectiva” polas mulleres, homes e crianzas desprazadas. “É hora de responder de forma mais xusta ás crises dos refuxiados, partillando responsabilidades”, sinalou na apertura do foro.

O evento desenvólvese xusto un ano despois da adopción dun Pacto Global sobre Persoas Refuxiadas, elaborado para fornecer unha resposta colectiva a estes movementos masivos.

Porén, a cuestión da partilla da responsabilidade divide os países ricos e emerxentes. Os segundos acollen 80% destas persoas e argumentan que non reciben axuda ningunha para soportar este peso nas súas economías. 

“Os países en desenvolvemento acollen admirabelmente a gran maioría dos refuxiados e precisan de máis apoio”, afirmou Guterres, dirixíndose ás autoridades reunidas no Palacio das Nacións da ONU. 

Desprazados en Turquía

Tamén participou na xornada de onte o presidente de Turquía, Recep Tayyip Erdogan, que na súa intervención pediu a repatriación dun millón das refuxiadas e refuxiados sirios que acolle actualmente o Goberno otomán no seu territorio. 

O presidente turco sinalou como lugar apropiado “unha zona de paz” na parte norte de Siria, e matizou que esta relocalización se debería dar de forma voluntaria aínda que “nun breve período de tempo”.  

Esta “zona de paz” á que fixo referencia trátase da faixa liberada de “organizacións terroristas” ─Erdogan citou o Estado Islámico, mais tamén o YPG (Unidades de Protección Popular) e o PKK (Partido dos Traballadores Kurdo)─ na recente intervención militar na Rojava (o Occidente do Kurdistán ou Kurdistán sirio).

Manancial de Paz

Desde o inicio da chamada operación Manancial de Paz, a principios de outubro, arredor de 310.000 persoas estabelecéronse na zona, onde ─segundo o presidente turco─ se poderían construír casas e escolas. 

“Cómpre atopar unha fórmula que permita aos refuxiados chegados a Turquía podérense reestabelecer na súa terra nai”, declarou o presidente turco. O seu país acolle na actualidade arredor de 3,7 millóns de persoas fuxidas da guerra de Siria.

Comentarios