Após semanas de bombardeos contra a Faixa de Gaza a maior parte dos Estados da comunidade internacional limitáronse a lanzar chamados a prol do cesamento ao fogo. Unha actitude que trata con equidistancia o que acontece en Palestina e que equipara a ofensiva militar da cuarta potencia mundial (Israel) coa resistencia armada palestina.
Porén, non todos os territorios están a actuar da mesma maneira, neste senso, algúns países do Sur, condenaron a intervención militar israelita e mesmo chamaron a consultas aos seus embaixadores en Tel Aviv. Entrementres, a Unión Europea e os EUA continúan a apoiar o 'dereito á lexítima defensa' de Israel. Un feito que contrasta coa axilidade na resposta após o derrubamento dun avión comercial na Ucraína ou a aprobación de sancións contra Rusia pola súa suposta participación no conflito ucraíno.
O dobre xogo da UE
A organización internacional está a manter un dobre xogo perante as agresións á Faixa de Gaza. Se ben condenou os ataques perpetrados contra unha escola das Nacións Unidas que acollía [email protected] [email protected], a organización internacional abstívose na votación pola que se demandaba a creación dunha comisión de investigación internacional e independente perante posíbeis crimes de guerra cometidos por Israel nos territorios palestinos.
A UE mantén relacións comerciais privilexiadas con Israel mentres sanciona Rusia polo conflito na Ucraína
Asemade, a Unión Europea mantén relacións comerciais privilexiadas con Tel Aviv, embora o dereito comunitario supedita --de acordo con diversos Tratados-- que calquera relación económica ou comercial estará suxeita ao cumprimento dos Dereitos Humanos por terceiros países.
Desde a Federación Internacional de Dereitos Humanos (FIDH) mesmo tildan, nun comunicado feito público o 28 de xullo, a posición da UE como "desequilibrada" a respeito da operación 'Bordo Protector' pois, coida que "condena e califica" as actuacións de Hamas mais "abstense" nos crimes cometidos polo Estado de Israel. Desde a Comisión Europea, reiteran en cada unha das súas intervencións públicas a súa "preocupación" pola "situación humana" en Gaza mais lanza chamamentos á "obriga" que di, teñen "todas as partes" no cumprimento do Dereito Internacional. No entanto, a respeito da ofensiva israelita, a UE apela á "proporcionalidade" que debe cumprir a súa ofensiva que, así as cousas, non condena.
EUA, un aliado de Israel
A administración Obama está a manter a posición habitual a respeito de Israel. Os dirixentes da Casa Branca respaldan a intervención militar que xustifican no 'dereito á lexítima defensa'. Neste senso, após amosar o seu desacordo co asasinato de civís nunha escola das Nacións Unidas --non así nos ataques contra hospitais ou a liquidación de barrios enteiros-- os EUA enviaron nova munición de combate ao exército israelita.
Os EUA continúan enviando armas e munición a Tel Aviv embora condenar o ataque a unha escola da ONU
O goberno de Obama foi o único Estado que no Comité para os Dereitos Humanos da ONU rexeitou investigar Israel por crimes de guerra.
Os países do Sur, unha voz contra a ocupación
Até o momento o bloque do Sur está a ser o máis claro na súa posición a respeito do que acontece en Palestina. Neste senso, Sudáfrica foi o primeiro Estado en retirar o seu embaixador de Tel Aviv após acusar o goberno de Netanyahu de cometer un "holocausto" co pobo palestino. Días despois, o executivo de Michelle Bachelet anunciou a ruptura das negociacións comerciais con Israel a respeito dun Tratado de Libre Comercio entre os dous países.
Chile, xunto con Ecuador, Brasil, Perú e El Salvador chamaron xa a consultas aos seus respectivos embaixadores para adoptar unha decisión e coñecer de primeira man o que está a acontecer no goberno sionista.
O Mercosur anuncia a cancelación dos convenios civís e militares con Israel
Así, América Latina está a amosarse como o bloque político e económico máis contundente na condena ás agresións israelitas. Na súa reunión en Venezuela o Mercosur emitiu un comunicado de repulsa á ofensiva militar e anunciou que os Estados que o compoñen acordaron a cancelación de todos os convenios civís e militares que manteñen con Israel. Asemade, Bolivia e Venezuela fixeron duras críticas á ocupación dos territorios palestinos.
Evo Morales, presidente boliviano, mesmo chegou a denominar Israel como un "Estado terrorista" mentres que Nicolás Maduro (Venezuela) acusou o goberno de Netanyahu de estár a desenvolver unha "guerra de exterminio". Até o momento, só a República Bolivariana rachou as relacións diplomáticas con Israel, foi en 2009 cando tamén as cancelou Cuba.