Paga extra de 1.000 euros para o persoal sanitario de Irlanda

O Goberno premia o traballo en primeira liña contra a Covid-19 non só do persoal médico.
EuropaPress_3881044_14_august_2021_ireland_dublin_parents_and_their_children_queue_in_the
photo_camera Centro de vacinación en Dublin, en agosto pasado (Foto: Damien Storan / PA Wire)

As persoas que estiveron traballando no sector sanitario de Irlanda combatendo en primeira liña a pandemia da Covid-19 recibirán unha paga extra de 1.000 euros, segundo unha medida do Goberno que inclúe non só o persoal médico, senón tamén empregados da limpeza, conserxes e condutores de ambulancia.

A iniciativa, dada a coñecer onte, esténdese tamén a persoal de enfermaría en prácticas ─proporcionalmente, en función do tempo dedicado─ e ao persoal militar que traballou en centros de probas ou de vacinación. O sector privado fica fóra, exceptuando as persoas empregadas en residencias de maiores, segundo informou a cadea de televisión pública RTE.

O ministro de Sanidade, Stephen Donnelly, admitiu que a ausencia de determinados grupos de traballadores pode xerar certa frustración. "Se este pago recoñecese o traballo duro e a dedicación, moita máis xente o recibiría", escusouse.

Día non laborábel

A paga, que se efectuará nun único abono libre de impostos, forma parte dunha batería de medidas coas que o Goberno de Irlanda quere recoñecer a posteriori o compromiso do sector sanitario coa pandemia, así como do conxunto da cidadanía.

O 18 de marzo será festivo para homenaxear o arredor de 9.000 vítimas da Covid-19. Permitirá unha ponte de catro días, xa que o 17 é o Día de San Patricio

A idea é organizar nesas datas algún acto oficial de homenaxe, e a intención do Executivo é manter esta nova data conmemorativa no tempo, aínda que a partir de 2023 será estabelecida no primeiro luns de febreiro. 

Comentarios