Pacto entre conservadores e socialdemócratas para presidir a Comisión europea

A socialdemocracia apoiaría o ascenso de Jean-Claude Junker (conservador) a cambio de situar como número dous a  Martin Schulz e certas concesións en política económica.

"É obrigado tender pontes". Así se expresou o candidato socialdemócrata alemán  Martin Schulz, en relación á proposta de acordo para elixir o presidente da Comisión europea. Conservadores e socialdemocracia poderían acadar un pacto para se repartiren o órgao executivo da Unión e evitar, din, "a voz dos extremistas". 

Mais non será doado que Jean-Claude Junker e  Martin Schulz poidan materializar a súa alianza --que pasaría por situar o conservador á fronte da Comisión e o socialdemócrata como segundo de abordo. Diversas e fortes son as voces que rexeitan a presidencia de Junker, entre elas a do primeiro ministro do Reino Unido, David Cameron, quen tería mesmo ameazado coa saída do país da Unión de se selar o pacto. 

Neste senso, e de acordo cos tratados comunitarios, é o Consello Europeo (xefes de estado e de goberno dos países membros) quen ha de propor o candidato e Junker non contaría cos apoios necesarios para se facer coa cadeira de presidente, se ben, o acordo co grupo da socialdemocracia europea lle permitiría acadar votos favorábeis suficientes no Parlamento pois será esta institución quen vote, por vez primeira, entre @s candidat@s que propoña o Consello.

Comentarios