REIVINDICA O ESPAZO DA SOCIALDEMOCRACIA CEDIDO POLO PSOE

Pablo Iglesias: grazas a Podemos o "problema catalán" xa non está no "centro do debate"

Pablo Iglesias publica un artigo en Público.es en que reflicte sobre o que é a centralidade política.

Pablo Iglesias
photo_camera Pablo Iglesias

O secretario xeral de Podemos exterioriza sen complexos a preocupación que na formación emerxente ten suscitado o aparecimento sobre o taboleiro doutro actor ascendente nos estudos de opinión, Ciudadanos. 

Iglesias admite que, nos últimos meses, en sectores políticos "con simpatías cara Podemos" se ten rexistrado "un certo complexo de inferioridade a respeito do auxe de Ciudadanos", partindo da presunción de que a "centralidade" se logra cunha "imaxe de maior respetabilidade" fronte ás elites económicas. 

O líder de Podemos admite que en sectores próximos á formación emerxente se ten rexistrado nos últimos tempos "un certo complexo de inferioridade a respeito do auxe de Ciudadanos"

Non partilla esa tese o fundador de Podemos. Nun artigo en Público.es, intitulado A Centralidade non é o centro, defende, en troca, a tese de que para gañar as eleccións non é preciso situarse no "centro ideolóxico", na equidistancia entre a esquerda e a dereita. A chave estaría en ocupar a "centralidade" do taboleiro. Como? Pois ocupando o espazo abandonando polo PSOE, a socialdemocracia.

Iglesias bate contra Ciudadanos, dos que di que defenden un "programa económico" que apenas "se diferencia do de Rajoy", e ao tempo chama a enarborar a defensa "do Estado do benestar e os dereitos sociais".

Ciudadanos, concede Iglesias, móvese ben na dialéctica entre o novo e o vello, mais non ten o que si oferece Podemos: a recuperación das receitas socialdemócratas arrumbadas polo PSOE no momento en que Zapatero asume as políticas de recortes ditadas por Bruxelas.

Iglesias insiste na súa idea de patria vinculada aos dereitos sociais

Mais non é só política socialdemócrata o que oferta Iglesias, senón tamén o que poderíamos cualificar como a recondución da cuestión nacional no Estado. E nese sentido, o tamén condutor de debates e entrevistas de La Tuerka TV proclama como un logro da súa formación política ter sido capaz de "desprazar do centro do debate o problema catalán fronte á cuestión social", algo que tería disparado "todas as alarmas do catalanismo de dereita e de esquerda".

E hai máis: "E mesmo demos un paso máis reivindicando, nada menos que nun país plurinacional como España, a idea de patria vinculada aos dereitos sociais, como agregador político-emocional".

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios