Fracasa o primeiro intento de consenso en Podemos

Pablo Iglesias: "Diga o que diga Errejón, non vou dicer nada contra el"

A xulgar polo ton das declaracións dos protagonistas, a cimeira de líderes das distinta correntes, chamadas por Iglesias para forxar un consenso antes de Vistalegre II, concluíu en fracaso. A tensión é notoria e a impresión é que Errejón vai sumando puntos.

Errejón, Pablo Iglesias, Carolina Bescansa. Vistalegre 1.
photo_camera Errejón, Pablo Iglesias, Carolina Bescansa en Vistalegre I

Atendeu primeiro Errejón aos meios apostados fronte á sede madrileña de Podemos e a súa mensaxe foi nidia. "Unha forza política grande non constrúe a unidade a toque de corneta", dixo. O líder da corrente centrista do partido está crecido após se apontar a vitoria de ver o seu rival interno aceitar que calquera acordo de fusión con outras forza política deba pasar por unha maioría cualificada. Errejón está cómodo e transmite a sensación de que vai a por todas.

Informado polos meios das declaracións do secretario político, Iglesias devolveu o golpe: "A unidade non se logra nen con documentos nen con declaracións agresivas nos meios, senón co debate". E nese mesmo ton de non excesiva fraternidade aínda alegou que "diga o que diga Errejón non vou dicer nada contra el".

A tese de Errejón é que a unidade non se pode forxar por decreto e que, de se manteren as diferenzas de fondo que dan corpo á existencia de distintas candidaturas, o que non se pode é furtar o debate ás bases da formación.

Por súa parte, Pablo Iglesias invocou o mantra da unidade: "Eu creo que a xente nos quere unidos, pero cada corrente ten direito a facer o que queira".

Pese ás concesións do secretario xeral no que atinxe á política de alianzas, persiste disensos de fondo entre as dúas principais correntes da organización. Uns teñen a ver coa orientación estratéxica -Errejón a ollar para a Moncloa, Iglesias máis ben para o combate co PSOE rumo á hexemonía no campo da esquerda. Outras teñen a ver co reparto de poder interno -co secretario xeral a defender a súa competencia para convocar referendos internos e co secretario político a querer limitar a un máximo de 6 anos (dous mandatos de tres) a permanencia de Iglesias ao fronte do máximo órgao unipersoal da formación.

Tamén estiveron na reunión Miguel Urbán, o referente de Anticapitalistas, e Carolina Bescansa, que agora pilota unha hipotética terceira vía. O eurodeputado sacou peito e afirmou que o único documento con propostas na reunión fora o deles. A politóloga compostelá, por súa parte, reiterou a súa tese de que unha tarefa chave da asemblea estatal dos días 10, 11 e 12 de febreiro é "impugnar o eixo Iglesias-Errejón".

En definitiva, a reunión acabou sen acordo e non hai na axenda novas convocatorias (o cal non significa que non as vaia haber). É significativo, en todo caso, que Errejón dixese que non ten previsto realizar unha reunión bilateral con Iglesias antes do conclave. A esta altura, portanto, o máis probábel é que se chegue a Vistalegre II no mínimo con tres candidaturas, a oficial, a que se autodenomina como Recuperar a Ilusión e a que promoven Anticapitalistas.

Comentarios