Goberno do Estado

Pablo Iglesias controlará os seus catro ministerios como vicepresidente desde fóra da Moncloa

O líder de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, asumirá a Vicepresidencia Segunda de Asuntos Sociais se o Goberno de coalición sae adiante no Congreso
O líder de Podemos, Pablo Iglesias, no Pleno de investidura no Congreso (Europa Press)
photo_camera O líder de Podemos, Pablo Iglesias, no Pleno de investidura no Congreso (Europa Press)

O secretario xeral de Podemos e líder da coalición de Unidas Podemos, Pablo Iglesias, asumirá a Vicepresidencia Segunda de Asuntos Sociais, que terá sede propia fóra do complexo da Moncloa, e dela dependerán os catro Ministerios que corresponderán á súa formación, así como dúas ou tres secretarías de Estado, a condición de que a investidura de Pedro Sánchez vaia adiante a vindeira terza feira, como está previsto.

O organigrama do que será o primeiro Goberno de coalición desde a recuperación da democracia xa está pechado, pero a comunicación oficial non se fará até que Sánchez sexa reelixido na segunda votación da sesión de investidura do día 7.

Con todo, xa está claro que a repartición de Ministerios entre as dúas formacións que integrarán o Executivo deixa a Unidas Podemos cunha Vicepresidencia, que correrá a cargo de Iglesias, e que terá competencias de Asuntos Sociais, e catro Ministerios que lle renderán contas, polo que non dependerán das vicepresidentas do PSOE, segundo informan a Europa Press fontes das negociacións.

Yolanda Díaz, futura ministra de Traballo 

A falta desa comunicación oficial, os Ministerios que lle corresponderán a Podemos serán o de Igualdade, que encabezará a actual portavoz parlamentaria e 'número dous' do partido morado, Irene Montero; o de Traballo, coa deputada de Galicia en Común Yolanda Díaz á fronte; o de Universidades, que liderará o sociólogo e economista próximo a En Comú, Manuel Castells; e o Ministerio de Consumo, de nova creación, que asumirá o coordinador federal de Esquerda Unida, Alberto Garzón, segundo informaron eldiario.es e Cadena Ser, e desde EU rexeitaron desmentilo.

Sánchez e Iglesias selaron o seu pacto para conformar un Goberno de coalición no Estado pouco despois da celebración das eleccións xerais do pasado 10 de novembro, pero as negociacións para organizar o novo Executivo e repartirse as competencias estendéronse até o de agora.

Aínda que nun primeiro momento estaba previsto que Podemos e os seus socios entrasen no Goberno cunha Vicepresidencia e tres Ministerios, finalmente os morados conseguiron unha carteira máis para o líder de Esquerda Unida; carteira que será de nova creación e que terá competencias de consumo, até o de agora dependentes do Ministerio de Sanidade, e sobre asuntos relacionados co xogo e as casas de apostas, unha cuestión que Unidas Podemos considera chave e que dependía do Ministerio de Facenda.

Comentarios